Os novos televisores de LG chegarán con webOS 6.0

venres, 8 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Os televisores LG conseguiron destacar no ámbito dos Smart TV grazas a webOS, sistema operativo que inicialmente estaba presente en dispositivos de Palm, pero que nos televisores foi onde chegou a demostrar o seu potencial, e para manter o seu pulo veñen de anunciar que este ano novos televisores chegarán con webOS 6.0, o que suporá un grande cambio para adaptarse aos hábitos de consumo actuais.
Con webOS 6.0 non só se reforza o uso do Magic Remote (mando que agora inclúe botóns dedicados para Netflix, Amazon Prime Video e Disney+) e intégrase aos Asistente de Google e a Alexa, senón que destaca pola súa nova pantalla de inicio, na que se presentan atallos ás aplicacións máis usadas así como unha serie de recomendacións de contidos baseadas nos hábitos do usuario, para que nunha simple ollada sexa doado atopar información de interese.
Dende LG aseguran que a renovación de webOS é a máis importante dende 2014, e poderá verse a partir do día 11 no CES de Las Vegas, no que o fabricante surcoreano contará cun expositor virtual, adaptándose á situación sanitaria global.

A nova pantalla de inicio de webOS presentará as aplicacións máis utilizadas e tamén recomendacións baseadas nos hábitos do usuario

PUBLICIDADE