Os novos vehículos eléctricos terán que facer ruído

luns, 1 de xullo do 2019 Marcus Fernández

O proxecto europeo eVADER aborda o reto de facer que os vehículos eléctricos se fagan notar nas estradas mediante sinais sonoros

Aínda que o son que emiten os vehículos normalmente son un tipo de contaminación acústica, cómpre advertir que estamos afeitos a que acompañen aos vehículos en funcionamento, de xeito que, ante a ameaza de que os vehículos híbridos e eléctricos sexan un grande risco para a seguridade viaria (xa que os peóns non están afeitos a vehículos silenciosos) dende a Unión Europea promoveuse un regulamento que hoxe entra en vigor, e que obriga a que os vindeiros modelos de vehículos eléctricos (puros ou híbridos) teñan que contar cun Sistema Acústico de Alerta de Vehículo (AVAS).
O AVAS terá que xerar un son automático cando os vehículos circulen a menos de 20 quilómetros/horas ou vaian marcha atrás nos momentos nos que o vehículo non xeren ruído de seu, facilitando así que os peóns saiban que hai un vehículo en circulación e evitar así accidentes por descoido dos viandantes.
O ruído que xeren os vehículos mediante o AVAS procurarase que sexa semellante ao dun vehículo de combustión, para que as persoas sexamos máis conscientes do que está a acontecer na calzada, de xeito que os vehículos deberían emitir distintos sons en función da súa velocidade, aínda que en todo caso os niveis de ruído deberían ser contidos (procurando achegarse ao dos vehículos de combustión máis silenciosos do mercado).

PUBLICIDADE