Os obradoiro dixitais da Deputación de Lugo formarán á veciñanza de Trabada en ciberseguridade
mércores, 7 de xaneiro do 2026
O Concello de Trabada acolle co novo unha nova acción de capacitación tecnolóxica do programa E para Dixitalizarse, Lugo, impulsado pola Deputación de Lugo. Faino tralo éxito das formacións realizadas a finais do ano pasado.
Desta volta a veciñanza terá o seu dispor o curso Ciberseguridade: acoso, grooming e estafas. Celebrarase na Casa da Cultura de Trabada, os días 2, 3, 4, 9, 10, 11 e 16 de febreiro, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Haberá 12 prazas habilitadas. As inscricións pechan o 17 de xaneiro e haberá que levalas a cabo de xeito presencial no Concello.
O alcalde, Ruben Garcia Freije, destaca que “estas formacións permiten avanzar na dixitalización da veciñanza e aprender a usar Internet dun xeito seguro”.
Este obradoiro forma parte do amplo programa de formacións dixitais que inclúe contidos como o uso básico da informática, a sinatura dixital e certificados electrónicos, o manexo do teléfono móbil, a banca electrónica, o uso seguro da Internet, a busca de emprego en liña ou o uso das aplicacións de Google, entre outros.
O programa E para Dixitalizarse de Lugo ten como obxectivo “achegar as novas tecnoloxías á veciñanza, reducir a fenda dixital e fomentar a inclusión no territorio”. O proxecto está financiado con fondos europeos captados pola Deputación ao abeiro do Reto Rural Dixital, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, e desenvolverase ata o 20 de marzo de 2026.
Estamos ante unha proposta pioneira coa que a institución provincial levará formación en competencias dixitais á veciñanza dos 55 concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes, quedando fóra só os municipios máis poboados: Lugo, Monforte de Lemos, Viveiro, Vilalba, Sarria, Foz, Ribadeo, Burela, Chantada, Guitiriz, Outeiro de Rei e Castro de Rei.
A programación inclúe 500 accións formativas centradas nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), e está adaptada a diferentes perfís e idades. A formación abrangue desde o uso de aplicacións móbiles ou a banca electrónica para persoas maiores, ata contidos de informática básica, redes sociais ou ciberseguridade para a mocidade, persoas desempregadas ou emprendedoras. Tamén se ofrecen obradoiros dirixidos a familias sobre os riscos de Internet ou o uso responsable dos dispositivos.
