Os obradoiros Girl STEAM chegaron á Fonsagrada e á Caniza da man do CPETIG
martes, 7 de xullo do 2026
Este luns 6 de xullo as localidades da Fonsagrada (Lugo) e A Caniza (Pontevedra) acolleron unha nova xornada dupla dos obradoiros Girl STEAM, unha iniciativa organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a rede de aulas CeMIT.
Baixo o título Casa Domótica Accesible, o obradoiro propón un reto tan actual como divertido: deseñar unha casa respectuosa cos recursos naturais e eficiente. A través desta actividade práctica, a rapazada aprende a aplicar a tecnoloxía para crear espazos máis intelixentes, sustentables e libres de barreiras para todas as persoas.
O principal obxectivo do programa Girl STEAM é romper fendas de xénero e espertar vocacións tecnolóxicas temperás, promovendo un uso consciente, crítico e puramente creativo das ferramentas dixitais entre a mocidade galega, segundo informou o CPETIG.
Os obradoiros combinan actividades prácticas de robótica, creación audiovisual e programación creativa, fomentando valores e competencias clave para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade.
Este ano traballase co kit de placas Arduino e empregarase Mblock como contorna de programación.
No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía, o uso creativo da tecnoloxía, máis aló do mero uso e consumo, a colaboración e o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.
As persoas interesadas en asistir a esta formación poden consultar as actividades programadas a través da páxina web da Rede CeMIT, na que poderán realizar a súa inscrición.
Os obradoiros Girl STEAM do CPETIG arrincaron en Betanzos e Pontevedra e a previsión é chegar esta tempada a unha vintena de concellos con 30 sesións prácticas e participativas.
