Os obradoiros anti-fake news do Colexio de Xornalistas recalan en Santa Comba

martes, 1 de abril do 2025 S. P.

Os obradoiros contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia chegaron este martes 1 de abril ao IES Terra do Xallas de Santa Comba, con dúas novas actividades de divulgación e sensibilización impartidas polo xornalista Pedro Costa Manteiga. Estes obradoiros de alfabetización mediática están a desenvolverse en centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís liderada pola deputada Soledad Agra.
A nova edición dos obradoiros contra a desinformación, posta en marcha polo Colexio grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, achegou contidos este martes ao alumnado de cuarto da ESO do IES Terra do Xallas de Santa Comba. As e os estudantes tiveron ocasión de desfrutar de dous talleres, ás 10:50 e ás 12:50, impartidos por Pedro Costa Manteiga. Costa ten liderado e formado parte de equipos de comunicación e de redes sociais de diferentes entes municipais, provinciais e autonómicos, ademais de pasar pola radio e o mundo da música e colaborar en varios proxectos formativos a prol da comunicación e o diálogo.
O Colexio contextualiza estas actividades no imparábel aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital e en como esta marea de fake news está a danar “profundamente o xornalismo”, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes, sinala a entidade, engadindo que “na defensa da profesión queremos combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática”.
Grazas a estes obradoiros as rapazas e rapaces do IES de Santa Comba puideron, así, coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers verificadores da información.
Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.
Nesta fase, grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. liderada por Soledad Agra, un total de vinte talleres chegarán nos próximos meses a dez centros de ensino secundario da provincia da Coruña.