Os obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas e a Deputación de Lugo recalan en Barreiros
venres, 26 de xuño do 2026
A Deputación de Lugo continúa desenvolvendo o programa de obradoiros gratuítos contra a desinformación que impulsa en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A próxima cita celebrarase en Barreiros martes 30 de xuño, ás 11:00 horas, no Centro Sociocultural de San Cosme.
Esta iniciativa forma parte dun ciclo de 20 obradoiros que percorrerán 19 concellos da provincia ao longo do ano co obxectivo de achegar á cidadanía ferramentas prácticas para identificar noticias falsas, contrastar información e facer un consumo máis crítico, consciente e seguro dos contidos que recibe a diario.
A presidenta da Deputación, Carmela López, destacou que “estamos permanentemente expostas á información e, moitas veces, tamén á desinformación. Mensaxes, vídeos, audios ou publicacións circulan a enorme velocidade e ás veces custa distinguir o que é certo do que non o é”. Por iso, subliñou a importancia de promover iniciativas que permitan á cidadanía desenvolverse con maior seguridade no actual contexto dixital e reivindicou o valor do xornalismo profesional. “Detrás do xornalismo rigoroso hai contraste, responsabilidade e ética profesional. Hai persoas que dedican horas a verificar informacións, a buscar fontes fiables e a contextualizar o que contan”, lembrou.
O obradoiro de Barreiros será impartido pola xornalista Carmen Quintela e ofrecerá recursos sinxelos e útiles para detectar loias en liña, verificar informacións e evitar a difusión involuntaria de contidos falsos, unha formación especialmente pensada para o día a día de calquera persoa.
A participación é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. A Deputación de Lugo anima á veciñanza de Barreiros e da contorna a participar nesta actividade, que reforza o compromiso da institución provincial coa alfabetización mediática, o pensamento crítico e unha cidadanía mellor informada.
