Os obradoiros de Ágora Tecnoloxía xuntaron máis de 1.700 alumnos

martes, 29 de marzo do 2016 Redacción

En Código Cero avanzamos os días pasados a celebración dunha serie de actividades TIC para persoas maiores impulsadas pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior, FEGAUS, ao abeiro do proxecto Ágora-Tecnoloxía e coa implicación directa das tres universidades galegas e os seus sete campus. Pois ben, segundo nos confirma a Universidade de Vigo, as actividades formativas “superaron as expectativas nesta primeira edición do proxecto con máis de 1.700 participantes nos sete obradoiros desenvolvidos”, un por cada campus. O programa contou co patrocinio da Fundación Vodafone e a colaboración das sete asociacións de alumnos e ex alumnos dos Programas de Maiores das tres universidades de Galicia, a cerna da federación FEGAUS.
O obxectivo foi “fomentar o coñecemento que as persoas maiores teñen sobre novas tecnoloxías coa finalidade de que estas incidan nunha mellora da súa calidade de vida”. Este plan de formación, como dixemos, encadrouse no proxecto piloto Ágora Tecnoloxía, que “pretende sacar partido dos avances tecnolóxicos para que calquera maior, habite onde habite, poida ter as mesmas oportunidades, ou moi semellantes, de aqueles que residen nas grandes poboacións”, sinalan os impulsores do programa, que emprestaron especial atención a ferramentas de uso diario e de probada utilidade, como as redes sociais ou o servizo de mensaxería instantánea WhatsApp, ou as diferentes plataformas de comercio electrónico dispoñíbeis para a comunidade en liña. Tamén se fixo fincapé no emprego de novos dispositivos como as tabletas e teléfonos intelixentes, “que teñen revolucionado a comunicación e as relacións persoais”, en palabras dos organizadores, que lembran que as actividades arrancaron en Vigo 23 de febreiro cun curso centrado en WhatsApp e Skype e remataron en Santiago cun obradoiro sobre eAdministración, no que tamén se achegou coñecemento sobre sistemas de solicitude de citas médicas e outros trámites en liña.
Nos outros cinco obradoiros os participantes puideron coñecer sistemas seguros de compras por Internet, as redes sociais, a fotografía e vídeo dixital, as claves da seguridade en Internet e mesmo ferramentas útiles para viaxes e xestión da cultura a través de dispositivos móbiles.
En total, participaron 1744 persoas. Segundo confirma a UVigo, o obradoiro con mellor acollida foi o celebrado en Lugo sobre seguridade en Internet, precaucións e consellos. Malia ofrecérense tamén en versión en liña, até 700 persoas apostaron pola asistencia en persoa e algo máis de 1.000 fixérono de xeito remoto. “Para a participación virtual foi crucial a implicación dos centros CeMIT, a través de AMTEGA, que facilitaron a conexión dende 17 localidades de Galicia, ademais dos sete campus do SUG”, engaden os organizadores.

PUBLICIDADE