Os obradoiros e axudas á dixitalización do IGAPE, premiados polo CPEIG
venres, 14 de xuño do 2019
No
marco da undécima Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
que se celebra o 28 de xuño en Santiago, o
CPEIG vai conceder o seu Premio Iniciativa da Administración ao
programa de Talleres e Axudas á Dixitalización da Xunta (Instituto
Galego de Promoción Económica, IGAPE), dirixidos a fomentar o
modelo de PEME 4.0. Ou sexa, encamíñanse a fomentar e facilitar a
transformación do noso tecido produtivo: a súa viaxe directa cara a
vangarda tecnolóxica con todo o que iso implica (máis
rendibilidade, eficiencia, eficacia, sustentabilidade e
competitividade).
Como
dixemos, o galardón entregarase no marco da festa por excelencia do
ámbito informático galego, o vindeiro 28 de xuño no Hotel
Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da
Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas
recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da
enxeñaría en informática.
Ademais
de co premio, o CPEIG mostra o seu apoio a esta iniciativa da
Administración autonómica a través da certificación por expertos
da adecuación das medidas desenvoltas para o progreso dos procesos
produtivos da man da tecnoloxía. O Colexio lembra que concertou co
IGAPE a realización de auditorías técnicas dos proxectos para
comprobar que o que se está a desenvolver é consistente co aprobado
no expediente da axuda. “Esta colaboración pon en valor o Corpo
Oficial de Peritos do CPEIG e as competencias dos membros do colexio
para a avaliación de proxectos tractores para a dixitalización de
empresas de distintos sectores en Galicia”, indica o presidente do
CPEIG, Fernando Suárez.
A
entidade profesional galega tamén quere pon en valor o obxectivo do
Goberno galego de apoiar a dixitalización da Industria 4.0 a través
do desenvolvemento de talleres por parte de organismos intermedios
para a xeración de proxectos colaborativos e unha liña de axudas á
dixitalización, actuación pública que naceu ao abeiro da Axenda
Industria 4.0 (a folla de ruta da Administración autonómica para
acadar un novo modelo industrial, e que conta con financiamento a
través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER).
“Reforzamos a aposta por un modelo de PEME 4.0, dixital, innovadora
e exportadora, mediante os investimentos e a especialización en
aspectos como o Big Data, a interconexión entre empresas, a
aprendizaxe automática ou a dixitalización de procesos de
traballo”, sinalan desde o IGAPE.
Como se dixo, o programa
busca facilitar ao tecido empresarial o coñecemento das tecnoloxías
máis axeitadas e a súa implantación con garantías, apoiando a
posta en marcha de sistemas informáticos nos catro ámbitos que
teñen máis potencial para aportar valor ás empresas: os proxectos
colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa, os
proxectos individuais de conectividade interempresarial, de
conectividade intraempresarial e de Intelixencia Artificial.
O
IGAPE prevé apoiar con este programa a 500 compañías a través de
axudas que ascenden aos 5 millóns de euros e que prevén mobilizar
máis de 13 millóns de euros na presente convocatoria.
Sobre
os talleres de dixitalización, trátase, nun plano máis concreto,
de espazos de colaboración desenvoltos por un mínimo de seis
empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vieiros de traballo
conxunto na posta en marcha de ferramentas dixitais. Estes obradoiros
abranguen distintos sectores produtivos e abordan aspectos como a
transformación dixital da automoción galega, o mercado tecnolóxico
das comunicacións dixitais, a aplicación da tecnoloxía 4.0 aos
viñedos e ao aprovisionamento e expedición dos produtos pesqueiros,
a construción e reparación do naval 4.0, e a visibilidade dos
produtos tecnolóxicos innovadores para a dixitalización industrial.