Os obradoiros tecnolóxicos itinerantes de San Sadurniño chegarán até a primavera

martes, 24 de decembro do 2019 Redacción

San Sadurniño presentou estes días un programa formativo-tecnolóxico de longo alcance: unha serie ininterrompida de obradoiros na súa aula de alfabetización TIC (a aula CeMIT) que comezou este outono e que chegará até ben entrada a primavera abranguendo actividades para veciñas e veciños de todas as idades. Entre outras temáticas, introducirase aos asistentes no uso e posibilidades dos dispositivos móbiles e máis nas principais aplicacións informáticas.
Parte dos cursos estanse a impartir xa na propia aula CeMIT (situada no primeiro andar da Casa da Cultura), aínda que tamén hai accións itinerantes polos locais sociais das distintas parroquias. Ademais os vindeiros días (co aninovo) haberá actividades para a rapazada do CPI.
Segundo informa o Concello, nos obradoiros que se desenvolven nos locais sociais estanse a aprender nocións básicas sobre o manexo do teléfono móbil (chamar, conectarse a Internet, instalar aplicacións e, sobre todo, desenvolverse co aparello sen comprometer a privacidade). Todas as sesións teñen o mesmo horario: os luns e martes entre as 10.00 e as 12.30h. Os cursos xa pasaron en novembro por Naraío e ata o 21 de xaneiro a aula CeMIT itinerante encóntrase en Lamas.
Porén, aínda lle faltan catro sitios aos que acudir e que, polo tanto, teñen aínda aberto o prazo de solicitude. Así, a Santa Mariña tócalle do 27 de xaneiro ao 18 de febreiro, a Igrexafeita do 2 ao 24 de marzo, en Ferreira ofrecerá formación do 30 de marzo ao 28 de abril e en Bardaos o curso celebrarase do 4 ao 26 de maio.
Ademais desta oferta que está percorrendo as parroquias, a aula tamén porá en marcha en San Sadurniño actividades dirixidas á rapazada. Do 15 de xaneiro ao 29 de abril haberá un curso de informática para alumnado do CPI. As nenas e nenos que acudan terán a oportunidade de usar programas de axuda para os seus estudos, aplicacións para facer traballos e recoller información e mesmo ferramentas para publicar contidos.
A formación impartirase todos os mércores en dous grupos: de 16.00 a 17.30h. acudirá a rapazada de 5º e 6º de Primaria e de 18.00 a 19.30h. a mocidade de 1º e 2º da ESO.
Para apuntarse en todas estas actividades hai que pasar pola Aula CeMIT, enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal ou chamar ao 616 016 793.

PUBLICIDADE