Os obxectivos para a dixitalización da Xustiza en Galicia en 2023 cumpríronse ao 100%

venres, 1 de marzo do 2024 Redacción

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe en Palencia na Conferencia Sectorial de Xustiza, onde se abordaron entre outros temas os avances na dixitalización da Administración Xeral de Xustiza. Neste marco de acción, Diego Calvo presentou o balance de Galicia cos obxectivos marcados para 2023 xa cumpridos ao 100%.
Nesta liña insírese a dixitalización das máis de 200 salas de vistas da comunidade. Todas elas contan co equipamento necesario para a celebración de procedementos de forma electrónica e os elementos instalados responden ás funcionalidades requiridas. O obxectivo é dispoñer de salas de audiencia totalmente virtuais, nas que se poidan levar a cabo accións telemáticas con plena seguridade xurídica e mellorar o acceso a distancia da cidadanía aos servizos prestados pola Administración.
Outro dos fitos cumpridos é o da adxudicación do apoio aos proxectos tractores de dixitalización da Administración Xeral de Xustiza, que contou en Galicia cun orzamento de case 15 millóns de euros. No marco deste obxectivo dotouse o persoal de postos móbiles e deslocalizados, e estanse a dotar as instalacións de medios para a celebración dos actos procesuais, como conexión WIFI, melloras do sistema de videoconferencia, ou servidores hipercorvenxentes. Tamén se reforzou a ciberseguridade con diversas medidas, como a implantación de novas ferramentas e accións de formación.
Canto aos sistemas de información e canles dixitais, trabállase para avanzar na dixitalización e interoperabilidade das Oficinas de Atención ás Vítimas de Delito (OAVD) e do Instituto de Medicina Forense de Galicia (Imelga), así como no expediente xudicial electrónico e na dixitalización de libros do Rexistro Civil, entre outros proxectos, coa previsión de que estean rematados .
Os avances na dixitalización da Administración de Xustiza en Galicia enmárcanse no III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, que busca a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades. O Plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos, o que supón un incremento do 68% respecto do investimento dos dous plans anteriores, Senda 2014 e Senda 2020, que mobilizaron 50 millóns de euros en dez anos para avanzar na dixitalización da xustiza galega.

PUBLICIDADE