Os ópticos galegos advirten do incremento da Síndrome Visual Informática entre os menores

luns, 5 de outubro do 2020 S. P.

O presidente do colexio profesional de ópticos, Eduardo Eiroa

Con motivo deste 8 de outubro, Día Mundial da Visión, o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia emitiu un comunicado no que pon de manifesto “o problema que actualmente supoñen os dispositivos electrónicos para a saúde visual das persoas, en concreto da xente nova”. O Colexio profesional tamén anuncia que vai celebrar, entre hoxe e o día 11, a Semana da Optometría, con xornadas de portas abertas nas ópticas. A idea destas actividades é advertir sobre as consecuencias para a visión dun uso prolongado das pantallas.
Segundo advirte o colectivo profesional galego, un exceso de tempo diante destes dispositivos pode ocasionar o Síndrome Visual Informática (SVI), unha afección que provoca visión dobre, borrosa, fobia á luz, bágoas recurrentes, sequidade ocular, irritación nos ollo ou outros síntomas como náuseas e mareos, e mesmo un aumento da miopía. O colectivo lembra que a crise sanitaria non fixo máis que agudizar esta situación, ao apostar os centros educativos polo ensino online como “unha posíbel solución a esta situación”, unha modalidade que incrementa o número de horas que pasan as nenas e nenos diante dos dispositivos electrónicos, en especial ordenadores, para poder seguir as clases e realizar as súas tarefas durante o novo curso.
Por este motivo, o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia aconsella seguir unhas normas de ergonomía visual e empregar a regra 20/20/20: deixar de mirar a pantalla durante 20 segundos cada 20 minutos e centrar a mirada en calquera punto que estea a 20 pés (máis de 6 metros) de distancia para descansar a vista. “Se unha persoa fai un uso non axeitado das pantallas sen ter en conta os descansos e as recomendacións ergonómicas pode sufrir os signos e síntomas da Síndrome Visual Informática, que este ano poden aumentar pola dificultade para adaptar as habitacións e os espazos adicados ao estudo dos máis pequenos en casa”, explica o presidente do colexio, Eduardo Eiroa, que engade estoutras recomendacións:
· Axustar as cores do monitor para que sexan sempre claras e mates. Ademais, é importante configurar os caracteres e o tamaño da fonte, que non sexa moi pequeno, para facilitar que sexan lexíbeis.
· Configurar os monitores para que teñan unha iluminación axeitada, cun bo contraste e evitando os reflexos na pantalla.
· A imaxe ha de ser estábel e sen escintileos. Neste sentido, recoméndase aumentar a velocidade de refresco da pantalla, que esta se poida orientar a vontade con obxecto de optimizar os ángulos de visión e que permita a súa regulación en canto a brillo e contraste.
· Procurar que a pantalla estea sempre limpa e estudar ou ler con texto negro sobre fondo branco.
· Situar a pantalla a unha distancia de entre 50 e 60 cm e a parte superior da mesma a unha altura semellante á dos ollos ou lixeiramente máis baixa.
· Colocar o monitor perpendicular ou diante da xanela para evitar cegamentos e reflexos.
· Manter unha postura correcta mentres se le, estuda ou se seguen as clases en liña.
· Relaxar a vista mirando obxectos ou puntos afastados a través da xanela.
· Ademais da regra 20/20/20, realizar descansos de cinco ou dez minutos cada hora, pestanexar con regularidade para evitar a sequidade ocular e realizar exercicios visuais, como pechar os ollos ou desviar a mirada co fin de evitar algúns dos síntomas do SVI.

PUBLICIDADE