Os ordenadores de Apple xa poden actualizarse a macOS Monterey

luns, 25 de outubro do 2021 Marcus Fernández

A última versión do sistema operativo dos equipos informáticos de Apple, macOS Monterey, chega oficialmente, de xeito que os usuarios de equipos compatibles poden por fin descargar e instalar a actualización de balde a esta nova versión de macOS, que chegará presinstalada nos novos MacBook Pro.
Entre as novidades de macOS Monterey destaca SharePlay, función que permite seguir falando por FaceTime mentres se ven series e películas, se escoita música ou se amosa a pantalla, creando un novo xeito de compartir momentos con amigos e familiares; o navegador web Safari conta cun novo deseño compacto que se adapta á cor da páxina web que esteamos a visitar e facilita a agrupación de pestanas; conta con Modos de Concentración, que filtra as notificacións que queremos recibir nos momentos nos que precisamos tranquilidade para traballar; con Control Universal pódese traballar simultaneamente con varios dispositivos de Apple, por exemplo, un Mac e un iPad, podendo mover cursor entre as súas pantallas e incluso arrastrar e solta contidos entre os dispositivos; chega a ordenadores AirPlay (de xeito que a pantalla do Mac pode amosar contidos compartidos dende o móbil, e incluso pode aproveitarse o Mac como altofalante AirPlay); con Texto en Vivo pódese interactuar co texto das imaxes (por exemplo, pódese copiar e pegar un número de teléfono dunha fotografía); e moitas outras opcións que manteñen a tendencia actual por parte de Apple na súa aproximación a nivel de software entre equipos informáticos e dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE