Os partidos en aberto de LaLiga EA Sports nas vindeiras dúas tempadas veranse por streaming

martes, 13 de maio do 2025 Marcus Fernández

Tras quedar deserta a súa adxudicación o pasado mes de abril, hoxe realizouse a poxa en segunda quenda polos dereitos do partido en aberto de LaLiga EA Sports para as tempadas 2025/2026 e 2026/2027, resultando adxudicataria DAZN, o que supón que estes encontros deixarán de retransmitirse a través da canle de televisión Gol Play e pasará a ofrecerse unicamente a través de streaming.
Co novo acordo DAZN poderá emitir cada unha das 38 xornadas do campionato de fútbol totalmente de balde, como un complemento da propia oferta de LaLiga EA Sports presente na mesma plataforma (que inclúe 5 partidos por semana en 35 das xornadas).
Cómpre lembrar que DAZN permite acceder de balde a toda unha serie de contidos seleccionados, en directo e baixo demanda, dende dentro da súa aplicación (dispoñible para televisores, dispositivos móbiles, ordenadores e consolas de videoxogos) sen precisar da subscrición dun dos seus paquetes de pagamento, aínda que claramente a intención da compañía é que os usuarios teñan unha maior exposición ás súas ofertas e así sexan máis receptivos a contratar un plan de pagamento.