Os podcast de Aquí faltan páxinas comezan este martes a súa segunda edición

martes, 27 de febreiro do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra vén de lanzar a segunda colección do programa de podcasts e charlas sobre igualdade Aquí faltan páxinas, na que se enxalza a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia. Segundo explicou o presidente provincial, Luis López, a segunda convocatoria vén con importantes incorporacións, como a inclusión por vez primeira dunha muller viva, a fotógrafa Mary Quintero, ou de mulleres anónimas (como as leiteiras de Pontevedra ou das madriñas de San Simón). Tamén se porá o foco no mundo rural.
O programa, que se estenderá ao longo de todo o ano, arrancará este martes 27 de febreiro cunha conferencia, ás 19:00 horas, no Museo de Pontevedra sobre Carmen Babiano Méndez-Núñez impartida por Beatriz de San Ildefonso.
O programa de charlas estará dispoñíbel nos podcast de Aquí faltan páxinas, nas principais plataformas de streaming e no sitio web da institución provincial. Tamén serán incluídas nos contidos virtuais que acompañen as biografías de cada muller ou mulleres reivindicadas.
Aquí faltan páxinas pretende contar a historia de mulleres extraordinarias que desenvolveron un papel clave e, porén, non figuran nos libros. Ademais de lles dar visibilidade, o programa contribúe a dotar as nenas e mozas de referentes femininos.
Ademais das novidades xa mencionadas, esta segunda colección presenta mulleres pioneiras, valentes e arriscadas, que se aventuraron no eido das artes coma Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal, na escritura coma Avelina Valladares, na música coma María Pardo Trapote, ou loitadoras coma María Araújo, Urania Mella ou Placeres Castellanos. A colección tamén presenta pioneiras da ciencia coma Inmaculada Paz Andrade, ou figuras relevantes na conquista de territorios, coma a raíña Urraca I, alcumada a Temeraria, por atreverse a exercer o poder igual que facían os homes.
As protagonistas
Aquí faltan páxinas comeza este mes de febreiro con Carmen Babiano Méndez-Núñez, a quen seguen, en marzo e con conferencias tamén na cidade do Lérez, as leiteiras de Pontevedra e Inmaculada Paz Andrade. Sobre as primeiras afondará o 7 de marzo Xiana Iglesias, para dar conta do triunfo da unión entre mulleres, e sobre a segunda falará o día 21 Xoana Pintos Barral, quen dará a coñecer a figura desta investigadora en loita contra os incendios.
No mes de abril a protagonista será Avelina Valladares cunha conferencia na Estrada realizada por Aurora Marco, quen afondará na frustración de ser escritora na Galicia do século XIX. Xa en maio, Aquí faltan páxinas viaxará ata Vigo da man da feminista e defensora da República Urania Mella, sobre a que falarán Iria Presa e Raúl Solleiro Mella.
Pola súa banda, no mes de xuño, Pilar Cagiao dará unha conferencia en Vilagarcía de Arousa sobre a guerrilleira que loitou contra as ditaduras de Franco e Batista, María Araújo, e, en xullo, no castelo de Sobroso, a conferencia de María del Carmen Pallares tratará sobre Urraca I de León, a raíña batalladora. En agosto, as madriñas de Redondela, esperanza dos presos de San Simón, serán protagonistas dun relatorio na propia illa a cargo de Eva Mejuto e de Carmen Lores Blanco, filla dunha madriña.
Xa en setembro, a protagonista será Mercedes Ruibal, unha pintora alegre de trazos dramáticos, sobre a que falará Ángeles Ruibal e María Luisa Sobrino, e en outubro chega a quenda da lírica coa análise da figura de María Pardo Trapote, a soprano de Teis nos Estados Unidos, a cargo de Montserrat Capelán e Pilar de Saa, sobriña-neta da soprano. En novembro, Mary Quintero, a fotógrafa cun estudio propio e unha ollada única, será protagonista cunha conferencia en Vigo na que ela mesma se encargará de dar a coñecer a súa traxectoria.
Aquí faltan páxinas pecharase no mes de decembro en Ponte Caldelas, cunha conferencia centrada na figura de Placeres Castellanos, unha galega na resistencia francesa contra os nazis, que impartirá a súa neta Silvia Caldas.

PUBLICIDADE