Os portais de transparencia xa están presentes no 96% dos concellos da nosa terra

xoves, 17 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A Administración Electrónica avanza a bo paso entre os nosos concellos, chegando estes a acadar importantes porcentaxes de transformación tecnolóxicos en parámetros como a presenza de portais de transparencia, que están presentes xa no 96% dos mesmos. Así o vén de dar a coñecer a Rede Locais, xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (GEN) da UVigo, que presentou este mércores en Santiago a segunda edición do seu Estudo sobre a a situación dos portais de transparencia local en Galicia. O documento reflicte unha “evolución claramente positiva” dos entes locais en materia dixital, participativa e transparente.
O acto, celebrado na FEGAMP, contou coa participación de Alberto Vaquero, co-director de Localis; Alfredo García, presidente da FEGAMP; Natalia Prieto, directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Xunta, e Marta Fernández, directora xeral de Administración Local.
O informe, no que se fai comparativa cos datos de 2017, recolle como dixemos que en 2019 a porcentaxe de concellos cun portal de transparencia sitúase no 96%, polo que “só once concellos galegos non contan con este instrumento, polo que a evolución é claramente positiva”.
En relación á accesibilidade para a procura da información, destácanse tamén “bos resultados”, indicando como este ano o 88% dos concellos galegos teñen na súa web unha ligazón ao portal de transparencia ou á sede electrónica, “facilitando deste xeito un maior coñecemento á cidadanía en xeral”.
En relación á utilización das distintas plataformas de transparencia (propias, estatais, autonómicas ou provinciais) indican dende Localis como “en 2019 só un 4% dos concellos galegos non utiliza ningún portal de transparencia, un 68% usa un só, e un 28% utiliza dous portais”, destacando “o importante esforzo por implantar os portais de transparencia nos concellos das provincias de Ourense e Pontevedra”.
Segundo engade o documento, “o tamaño dos concellos condiciona os resultados” e as “grandes cidades contan todas cun portal de transparencia, pero a medida que descende a taxa de poboación as porcentaxes van caendo”. Así, detállase, “os concellos con máis habitantes optan por un portal de transparencia de seu (100% se a poboación é maior dos 50.000 habitantes) (en 2017 e 2019), e un 42% (en 2017) e un 54% (en 2019) se o concello se atopa entre os 20.001 e 50.000 habitantes, mentres que os pequenos só optan no 7% dos casos por un portal propio”.
Na investigación tamén se avalía o cumprimento dos indicadores da Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno de 2019, apuntando cuestións como que o 88,8% dos concellos galegos cumpren coa necesidade de publicar información relativa ás funcións que desenvolven, á normativa que lles sexa de aplicación e á súa estrutura organizativa (empregados públicos, titulares das alcaldías, etc).

PUBLICIDADE