Os portátiles Dell XPS 13 estrean procesadores Intel de 8ª xeración e pantallas 4K

xoves, 4 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Os portátiles Dell XPS 13, todo un referente nos últimos anos, renóvanse para incorporar procesadores Intel de 8ª xeración, marcos máis delgados e incluso coa posibilidade de contar con pantallas 4K nun tamaño moi compacto.
Os novos XPS 13 modelo 9370 parten en España dun prezo de 1.349 euros para unha configuración cun procesador Intel Core i5-8250U, 8 GB de RAM, 256 de SSD e pantalla Full HD de 13,3 polgadas (nos EE.UU. está dispoñible un modelo con menos RAM e almacenamento por 999,99 dólares) contando con outras configuracións superiores que chegarían até o modelo con procesador Intel Core i7-8550U, con 16 GB de RAM, 1 TB de disco duro e pantalla táctil 4K de 13,3 polgadas a un prezo de 2.199 euros. Curiosamente o equipo chega ao noso mercado en cor gris, mentres que nos EE.UU. está dispoñible en cor prata e ouro rosa.
Resulta evidente que unha das grandes apostas deste equipo é a súa pantalla, que non só ten un marco moi reducido, senón que tamén conta coa tecnoloxía Dell Cinema que busca maximizar a calidade das cores, a estabilidade do streaming e a nitidez e a forza do son.
A nivel de autonomía os modelos con pantalla Full HD poden chegar a funcionar até 19 horas e 46 minutos traballando con Word ou Excel, de xeito que serían magníficos equipos para traballos de produtividade, e incluso contan con portos Thunderbolt 3, de xeito que podería conectárselle até 2 monitores externos 4K.
Pese ás súas elevadas prestacións os novos Dell XPS 13 manteñen o seu grosor en 7,8-11,6 milímetros e o seu peso en 1,21 quilogramos, conseguindo así un grande equilibrio entre potencia e mobilidade.

PUBLICIDADE