Os premios Ennova Health 2025 distinguen dous revolucionarios proxectos galegos de eSaúde
xoves, 20 de novembro do 2025
Os Premios Ennova Health 2025 distinguiron a dous proxectos do IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago) polo “seu destacado impulso á innovación no ámbito da dixitalización sanitaria”. Nesta quinta edición dos galardóns, a plataforma PK-PDrugs, do equipo FarmaCHUSLab, e o proxecto Código Vermello (Código Rojo), desenvolvido polo grupo de Hematoloxía Computacional e Xenómica (GrHeCo-Xen) do IDIS, foron recoñecidos na categoría de Transformación Dixital.
Impulsada polo grupo FarmaCHUSLab do IDIS en colaboración co grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da UDC, a plataforma PK-PDrugs atópase dirixida á posoloxía personalizada de fármacos. Este proxecto xorde como resposta á crecente necesidade e demanda dun enfoque máis personalizado e preciso do tratamento farmacolóxico e incorpora modelos estatísticos avanzados que permiten incrementar de xeito significativo a precisión nas doses de medicamentos, ofrecendo novos parámetros de seguridade e eficacia, que cobran especial relevancia no caso de enfermidades como as neurolóxicas ou psiquiátricas.
A través desta plataforma é posible axustarse á variabilidade de cada paciente, integrando de maneira efectiva os seus datos persoais para ofrecer os tratamentos a medida. Grazas á súa accesibilidade, permite consultar información clave de farmacocinética (disciplina que estuda a maneira na que os fármacos interactúan co corpo humano) en calquera momento e desde calquera localización, “o que establece unha nova paradigma na xestión da medicación”, sinalou o equipo de investigadores do proxecto galardoado, engadindo que “esta ferramenta non só permite mellorar os resultados con tratamentos máis precisos e adaptados, senón que tamén ten un impacto máis amplo ao abordar posibles deficiencias dos sistemas de saúde e ao facilitar unha atención máis personalizada, de maior precisión e inclusiva; melloras que fortalecen a sustentabilidade e a eficacia do sistema de saúde".
IA e experiencia clínica
O premio Ennova Health 2025 na categoría de IA e Xestión do Dato foi outorgado ao proxecto Código Rojo, liderado polo doutor Adrián Mosquera, investigador principal do grupo de Hematoloxía Computacional e Xenómica do IDIS.
Mediante esta plataforma multimodal que combina intelixencia artificial e experiencia clínica, o equipo investigador pretende “mellorar o diagnóstico, tratamento e prognóstico de doenzas”.
O proxecto busca “facilitar a toma de decisións dos profesionais sanitarios grazas a tres centenares de asistentes virtuais (chatbots) especializados en distintos grupos de enfermidades e áreas do coñecemento”.
Inicialmente desenvolvida para oncohematoloxía, o proxecto ampliou o seu ámbito de aplicación a múltiples especialidades médicas. O obxectivo do equipo é dar servizo aos profesionais sanitarios, facilitando a toma de decisións terapéuticas e mesmo a predición de posibles complicacións.
Os Premios Ennova Health, organizados por Diario Médico e Correo Farmacéutico, recoñecen anualmente proxectos de innovación dixital en saúde que achegan valor real ao sistema sanitario, melloran a calidade asistencial e promoven a sustentabilidade do sistema.
Nos galardóns tamén foi recoñecida a ferramenta e-Diabetes do SERGAS, tal e como informamos este mércores 19 dende Código Cero.
