Os premios á innovación empresarial da Deputación da Coruña desvélanse este venres

xoves, 22 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

JPEG - 992.6 KB
O salón arao do recinto PALEXCO na Coruña, sede da gala

Vai rematando a semana e toca falar de empresas que miran cara adiante e doutras (as novas firmas innovadoras) que xa naceron ollaron cara adiante. Estamos a falar da entrega dos Premios PEL ás mellores iniciativas empresariais da provincia da Coruña, que se entregan esta sexta feira (venres) no salón Arao de PALEXCO (A Coruña) a partir das 19.00 horas. Os galardóns, convocados pola Deputación, chegan á segunda edición cunha cifra nada desprezábel de empresas participantes: 78 firmas. Moitas delas, como dixemos os días pasados, pertencen ao ámbito das novas tecnoloxías da información (igual que na anterior edición, na que, por certo, foi distinguida a plataforma eMonte). A gala de PALEXCO tamén lucirá (en si mesma) innovación, como por exemplo unha aplicación desenvolvida ex profeso para a ocasión.
Hai tres categorías: Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dirixida a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade; Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada, destinada a aquelas empresas que conten con máis de cinco anos de actividade, e Mellor Iniciativa Socialmente Responsábel, que premiará ás empresas que contribúan ao medre sustentábel da provincia nos ámbitos económico, medioambiental e social.
As empresas que concorren aos premios teñen o seu domicilio nos concellos da Coruña (28), seguido por Santiago de Compostela (12), Ferrol (6), Ames (5), Bergondo (5), As Pontes de García Rodríguez(3), Oleiros (2), Culleredo (2), Noia (2), Ordes (2), Sada (1), Narón (1), San Sadurniño (1), Cambre (1), Paderne (1), Cerceda (1), Cedeira (1), A Pobra do Caramiñal (1), Miño (1), Valdoviño (1) e Cee (1).
En canto aos ámbitos de actividade destas firmas, salientan como dixemos as adicadas ás novas tecnoloxías da información e a programación informática, así como as empresas de servizos de enxeñaría e consultoría, comercio en liña e desenvolvemento de aplicacións. Tamén concorren a este segundo premio empresas dos sectores da alimentación, hostalería, cosmética e estética, educación, turismo e actividades de servizos sociais.
Tres premios de 25.000 euros
Cada un dos galardóns está dotado cun premio en metálico de 25.000 euros, co que a institución provincial pretende recoñecer “o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores comprometidos co desenvolvemento económico dos concellos coruñeses”.
A decisión do xurado farase pública no decurso deste acto, que contará coa asistencia do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado de Promoción Económica, José Luis García, e representantes do tecido empresarial da provincia. Así mesmo, o evento promoverá a creación de redes, networking, entre todas as empresas candidatas, que poderán dispor do seu propio posto informativo e dunha aplicación informática para dispositivos móbiles creada para o evento, “cos que dar a coñecer os seus produtos e servizos e intercambiar ideas de negocio”, sinala a Deputación.
O xurado estivo presidido polo deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, mentres que o secretario foi Rafael Díaz-Aguado, xefe do Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego. Nel participaron especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses, como José Manuel Cotos Yáñez, da Universidade de Santiago de Compostela (USC); José Andrés Faíña Medín, da Universidade da Coruña (UDC); Fernando Barros Fornos, da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Carlos Fernández Bermúdez, da Cámara de Comercio da Coruña; Antonio Fontenla Ramil, da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC); Miguel Miragaya Martínez, da Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña (AJE); José Sierra Fernández, da empresa Uro Vehículos Especiales S.A. (UROVESA), e Isabel Ferro Giménez, do Grupo Calvo.

PUBLICIDADE