Os premios de AJE Galicia distinguiron as tecnolóxicas Kendra, Docuten e Aleutos

xoves, 5 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

A firma viguesa Kendra, especializada en solucións de Realidade Virtual e Aumentada para incrementar a competitidade e a transformación das empresas, foi galardoada onte pola Federación Galega de Empresarios Novos AJE Galicia, na gala dos premios AJE Galicia (novena edición) celebrada no Teatro Rosalía de Castro. Na cerimonia tamén distinguida Coosy, nova firma galega centrada na moda dende un enfoque innovador e altamente creativo. No certame presentaron candidaturas dúas ducias de empresas da nosa terra lideradas por profesionais menores de 42 anos.
O xurado resolveu entregar os galardóns a Diego Asorey Cacheda, de Kendra, na categoría de Iniciativa Emprendedora, aberta a empresas con menos de dous anos de actividade, e a Virginia Pozo Castro, de Coosy , na modalidade de Iniciativa Empresarial.
Os accésits foron para Koh Lanta, de Gonzalo Somoza Vicente, no apartado de Responsabilidade Social Empresarial; a empresa tecnolóxica Docuten, impulsada por Brais Méndez, na modalidade de Internacionalización; a firma TIC Aleutos, de José Luis Gude e centrada en consultoría GIS e software a medida, na categoría de Innovación, e Grupo Atlante, de Maite Valiño, en Creación de Emprego.
Na gala participou, entre outras personalidades, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen sinalou que os finalistas e gañadores neste certame contribúen a reforzar cos seus proxectos a marca Galicia Calidade e lembrou que estas iniciativas “son elixidas polo seu grao de innovación, por acadar unha maior proxección nacional e internacional, por promover a creación de postos de traballo, ou porque apostan polas boas prácticas empresariais e que se trata, polo tanto, de proxectos cos que sentirse orgullosos de Galicia”.

PUBLICIDADE