Os premios do Concurso Talento Maker entregaranse no marco dos encontros Decembro Maker Talks

venres, 9 de decembro do 2022 S. P.

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acollerá os días 16 e 17 os encontros de cultura dixital Decembro Maker Talks, organizados pola Deputación de Ourense no marco do proxecto transfronteirizo Emprende Makers. O evento centrarase na innovación e a tecnoloxía, “desde unha perspectiva didáctica e práctica”, informaron fontes da UVigo e da dita entidade provincial, engadindo que neste escenario abordaranse temas como a Internet das cousas, a robótica, a impresión 3D, a ciberseguridade e os videoxogos. Un dos pratos fortes do programa será a resolución do Concurso Talento Maker para futuras e futuros especialistas en tecnoloxías abertas.
O panel de convidadas e convidados inclúe membros do coworking e coliving rural Sende; do Laboratorio Digital Fab Lab de León; da Asociación Española de Empresas Desarrolladoras de Videojuegos e da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos; e de PlayStation Iberia e de Multiversial, Ilux e Virtual Voyagers. Tamén estarán expertos como Antonio Fernandes, avaliador de proxectos de innovación e ciberseguridade para a Comisión Europea ou Cristian Espartaco, general manager en España e Latinoamérica do club Qlash.
Como dixemos, na sesión entregaranse tamén os premios do Concurso Talento Maker. Trátase dunha iniciativa que nace co obxectivo de identificar as iniciativas creativas e participativas que se están a desenvolver en Galicia e o norte de Portugal, e en concreto na provincia de Ourense as que contribúen ao cumprimento dos obxectivos fixados na estratexia do programa Emprende Makers. Os galardóns están dirixidos aos mozos con idades comprendidas entre 12 e 30 anos, con tres categorías:
-Junior Makers; Estudantes de 1º a 3º de ESO.
-Teen Makers: Estudantes de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato ou FP ata as 17 anos.
-Sénior Makers: Poderán participar estudantes de FP e Universidades, así como rapaces con habilidades e intereses makers non matriculados en ningún centro de formación, con idades comprendidas entre 18 e 30 anos. Poderanse presentar proxectos encadrados en catro áreas argalleiras, e que competirán entre si: robótica, impresión 3D, videoxogos e software e aplicacións móbiles ou de sobremesa.
Decembro Maker Talks forma parte do proxecto Emprende Makers, aprobado na segunda convocatoria do programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 e co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Liderado polo Concello de Ourense, Emprende Makers ten como entidades beneficiarias, na parte galega, á Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e á Universidade de Vigo, e por parte lusa ás cámaras municipais de Paredes de Coura, Melgaço e Vila Nova de Famalicão e á Universidade do Minho.

PUBLICIDADE