Os préstamos na plataforma de libros electrónicos GaliciaLe chegaron aos 113.000

martes, 11 de xaneiro do 2022 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación fixo balance da actividade das bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta no ano que vimos de despedir. Segundo se indica no informe, publicado coincidindo co Día das Persoas Usuarias da Bibliotecas, aquelas realizaron máis de 700.000 préstamos ao longo de 2021, o que representa un incremento do 30% con respecto ao ano anterior.
No conxunto, en toda a Rede de bibliotecas de Galicia, formada por máis de 300 centros bibliotecarios públicos existentes no territorio galego, o número de préstamos de 2021 superou os 1,3 millóns. A estes engádenselle os da plataforma de préstamo de libros electrónicos GaliciaLe, con máis de 113.000, logro que segundo a Xunta “consolida o crecemento que está a vivir nestes últimos anos o consumo deste tipo de libros nas bibliotecas públicas autonómicas”. Trátase, de feito, dunha cifra que duplica aos rexistrados en 2019, cando se prestaran máis de 56.000.

PUBLICIDADE