Os primeiros xogos de Sonic volverán remasterizados en xuño

mércores, 20 de abril do 2022 Marcus Fernández

O vindeiro 23 de xuño SEGA lanzará Sonic Origins, un novo recompilatorio que incluirá 4 xogos remasterizados do ourizo azul: Sonic the Hedgehog, Sonic CD, Sonic the Hedgehog 2 e Sonic 3 & Knuckles. Estes xogos poderanse así gozar en PC, PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X|S e Nintendo Switch, ou sexa, nas plataformas actuais. A edición estándar do produto terá un prezo de 39,99 euros, mentres que a edición dixital Deluxe que inclúe contidos adicionais venderase a 44,99 euros.
Sonic Origins permitirá gozar dos títulos clásicos de Sonic en alta definición con novas animacións para o inicio e o final de cada un dos xogos, permitindo tamén conseguir moedas ao completar misións e así poder desbloquear novo contido, desafíos e fases especiais no museo. Os xogos poden correr no seu Modo Clásico (coa resolución orixinal e un número limitado de vidas) ou no novo Modo Aniversario (con vidas infinitas e unha resolución mellorada a pantalla completa).

A inclusión de Sonic 3 nesta recompilación é unha grande nova, xa que este xogo desapareceu do mapa hai máis dunha década para evitar problemas legales por mor da colaboración de Michael Jackson no título (sen acordos legais entre as partes).

Tráiler de Sonic Origins

PUBLICIDADE