Os problemas das aplicacións de rastrexo na COVID-19 abordáronse nun webinar da RAGC
venres, 8 de maio do 2020
- Fernando Pérez, catedrático de Teoría do Sinal da Universidade de Vigo e académico da RAGC
A
Real Academia Galega de
Ciencias (RAGC) organizou un seminario virtual no que abordou o
proceso de desescalada en Galicia baixo ópticas sanitarias,
tecnolóxicas e sociais. No encontro tomaron parte, amais do
presidente da RAGC, Juan M. Lema, os investigadores Germán Bou
Arévalo, Fernando Pérez González, María José Pereira Rodríguez
e José M. Sabucedo Cameselle. O punto de vista tecnolóxico foi o
fío temático da intervención do catedrático de Teoría do Sinal
da Universidade de Vigo e académico da RAGC, Fernando Pérez, quen
tocou temas como o ámbito da liberdade de movementos individuais e
como esta liberdade contraponse coas propostas para facer seguimento
das persoas a través de dispositivos.
O
catedrático falou das dúas opcións debatidas en Europa de
aplicacións móbiles para rastrexar contactos en tempos de pandemia:
protocolos centralizados (nos que a detección de contactos de risco
faise nun servidor central) ou descentralizados (que a priori ofrecen
maior privacidade xa que a detección ten lugar no teléfono de cada
usuario). Fernando Pérez indicou que ambos modelos “comparten unha
serie de problemas relacionados coa fiabilidade de estimación de
distancias con sinais Bluetooth e vulnerabilidades de seguridade e
privacidade que poden minar por completo a credibilidade do sistema”,
até o punto de que “resultan desaconsellábeis”, indicou, porque
poden xerar unha falsa sensación de seguridade. A conclusión do
profesor Pérez é que o anonimato que se garante nestas aplicacións,
“aínda que desexables, fainas incompatíbeis co rastrexo manual, e
polo tanto apenas podería aforrar traballo aos rastrexadores”.
O
seminario en liña Estratexias de desescalado e comportamento
social celebrouse esta tarde da man da RAGC na plataforma Zoom, a
partir das 17.00 horas e presentado por Juan Lema Rodicio, presidente
da academia. Germán Bou Arévalo, xefe do Servizo de Microbioloxía
do CHUAC, abordou a cuestión dos criterios microbiolóxicos na
desescalada; María José Pereira Rodríguez, xefa do Servizo de
Medicina Preventiva do CHUAC, afondou na cuestión da vixilancia
epidemioloxía que se precisa na pandemia; e José Sabucedo
Cameselle, catedrático de Psicoloxía Social da USC, falou de
cooperación ou enfrontamento social na crise sanitaria.