Os profesionais de vivendas de uso turístico reciben formación en liña para adaptarse á COVID-19

xoves, 8 de outubro do 2020 Redacción

Un total de 11.000 propietarios de Vivendas de Uso Turístico (VUT) e o persoal que traballa neste tipo de aloxamentos xa poden acceder aos seminarios en liña que a Xunta iniciou hoxe co obxectivo de mellorar a súa formación e dar resposta fronte aos retos que supón para o sector turístico a COVID-19.
Trátase dun total de 18 webinars que se impartirán a través do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) ao longo de tres xornadas (o 8, 13 e 15 de outubro) en cinco sesións diarias. Baixo o título Recomendacións das medidas hixiénico/sanitarias ante a covid-19 para as Vivendas de Uso Turístico, a formación busca mellorar os coñecementos dos propietarios das VUT tanto no ámbito da seguridade sanitaria como na xestión de negocio.
Con esta nova acción formativa, que é de balde para os propietarios das Vivendas de Uso Turístico inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), a Xunta busca dotalos de ferramentas que melloren a viabilidade económica desta tipoloxía de aloxamentos ao tempo que se lles incide na necesidade de traballar arreo e de xeito conxunto na construción de Galicia como destino turístico seguro.

PUBLICIDADE