Os profesores galegos de tecnoloxías lanzan críticas ao sistema educativo que prepara o Goberno central

martes, 23 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) vén de amosar o seu rexeitamento á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, LOMCE, cuxo anteproxecto presentado polo Goberno central considera que propón un sistema de ensino con graves eivas formativas, “ao eliminar a educación tecnolóxica do seu seo”, sinala o colectivo, en representación da Plataforma Estatal de Asociacións de Profesores de Tecnoloxía (PEAPT). Deste xeito, engade o colectivo galego, estaríase a crear un panorama que aumentaría as cifras de fracaso escolar. A maiores, subliñan, coa dita Lei péchaselle ao alumnado un gran número de portas formativas, sociais e laborais.
E máis, din, se se ten en conta “que en pleno século XXI e nun contorno no que as tecnoloxías están presentes en tódolos eidos da actividade humana, é imprescindible ofrecer unha cultura tecnolóxica básica para toda a poboación”, explican os profesores reunidos en APETEGA. Ao seu xuízo no anteproxecto sosteñen que apenas hai cabida para a educación tecnolóxica, reducida aos tres primeiros cursos da ESO e erradicada en cuarto e en Bacharelato. No anteproxecto, din, cítase ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), “pero non para integralas en tódalas áreas do coñecemento, senón para reducilas a un uso simplemente manipulativo e de lecer” .

PUBLICIDADE