Os proxectos TIC terán prioridade nas axudas para fomentar o galego no ensino preuniversitario

venres, 3 de xaneiro do 2025 S. P.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua (Consellería de Cultura) publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas a proxectos para o fomento do galego no ensino preuniversitario dotadas con preto de 500.000 euros, “que supón un incremento de case o 29 % con respecto ás do pasado ano”, informou a Secretaría, engadindo que esta liña de axudas “ten como obxecto contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua e o profesorado co obxecto de dinamizar o uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias”. As actividades das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) terán prioridade.
O prazo para que presenten os seus proxectos abre este sábado 3 de xaneiro e contarán cun mes para entregar a documentación na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para optar ás axudas, os equipos ou profesores encargados da dinamización da lingua galega deberán presentar os seus programas, que serán posteriormente valorados e puntuados para a determinación das contías. A cantidade máxima que poderá percibir un centro varía entre os 270 e os 1200 euros.
Criterios de valoración
Os criterios de valoración dos proxectos inciden no grao de implicación dos diferentes membros da comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias, persoal de administración e servizos) e tamén na utilización que se faga das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Deste xeito, o baremo de puntuación terá en conta a creación e actualización de páxinas web, de blogs e de contas en redes sociais.
De igual forma, priorizaranse as actividades con códigos QR, Realidade Aumentada, aplicacións para móbiles, ordenadores ou tabletas, radio ou TV con emisión de maneira puntual. Nesta liña, valoraranse a creación de revistas dixitais e obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías, como robótica e gamificación, e tamén a realización de curtas ou documentais, a posta en marcha dunha radio diaria ou semanal na aula, ou programas de televisión.
Engádense a estes criterios de puntuación “a variedade de actividades propostas” e “o feito de que os proxectos establezan colaboración con outros centros de ensinanza e mais con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto para a realización de accións plurianuais”.