Os proxectos da 5ª edición de ViaGalicia entran en preaceleración na Fundación CEL

venres, 19 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A Fundación CEL Iniciativas por Lugo acolleu esta semana as primeiras sesións da fase de academia (ou preaceleración) da 5ª edición de ViaGalicia, programa de aceleración de empresas posto en marcha pola Xunta de Galicia e Zona Franca de Vigo, e no que colaboran outras entidades relevantes do ecosistema emprendedor galego (entre eles a propia Fundación CEL), a través do que se ofrece formación, asesoramento, sesións de networking, titorías, sesións de presentación (pitch), coworking e financiamento a emprendedores innovadores galegos.
Nesta fase, que se prolongará até o mes de marzo, os promotores dos proxectos seleccionados participarán en sesións formativas a través das que madurarán as súas ideas en procura do éxito empresarial, aprendendo a desenvolver o seu modelo de negocio, a súa proposta de valor, a probala no mercado con experimentos e mediante produtos mínimos viables (metodoloxía lean), a defendela e comunicar, a importancia do equipo e os seus roles na startup, a orientar a súa idea ao mercado en liña e fóra d eliña, a realizar proxeccións económico-financeiras e os aspectos legais relacionados co lanzamento dos seus proxectos (todos eles, innovadores, escalables, acelerables e relevantes).
Tamén se contemplan titorías individualizadas e asistencia especializada para o desenvolvemento da idea de negocio e apontoar a posta en marcha de cada iniciativa.
Finalizada a academia, dos 40 proxectos participantes que entre Lugo e Vigo están nesta fase, seleccionaranse os que accederán á fase final de aceleración de ViaGalicia, que inclúe financiamento (até 125.000 euros), apoio e seguimento durante varios meses para a posta en marcha e consolidación/crecemento.

PUBLICIDADE