Os proxectos do programa Ignicia levan captados máis de 27 millóns de euros en investimentos

xoves, 24 de abril do 2025 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro con representantes de oito empresas creadas ao abeiro do programa Ignicia, un dos principais instrumentos da Xunta de Galicia para facilitar a transferencia efectiva do coñecemento xerado na investigación cara á sociedade. Esta iniciativa promove a creación de novas empresas derivadas e acordos de licenza para a comercialización de tecnoloxía desenvolvida en Galicia.
Desde a súa posta en marcha en 2016, o programa ten apoiado 32 proxectos cun investimento de 17 millóns de euros, dos cales xurdiron 11 empresas derivadas e tres acordos coa industria, e hai actualmente 15 proxectos en fase de desenvolvemento comercial. En conxunto, estes proxectos empregan a máis de 150 profesionais altamente cualificados e teñen captado máis de 27 millóns de euros de financiamento público e privado, tanto a nivel estatal como internacional.
O conselleiro salientou o papel estratéxico do programa como ponte entre a investigación de excelencia e o tecido empresarial, facilitando a conversión do coñecemento científico en solucións con aplicación no mercado. «Esta convocatoria ten un gran potencial para apoiar o emprendemento innovador e de base científico-tecnolóxica, dado que a maioría dos proxectos prevén a creación de empresas derivadas como vía de comercialización», sinalou Rodríguez. Engadiu ademais que «isto permite valorizar economicamente os resultados da investigación, crear emprego cualificado e atraer investimento público e privado cara Galicia».
O encontro contou coa participación de representantes das empresas Alén Space, Alice Biometrics, Artificial Intelligence Indestia, Celtarys Research, Diversa Technologies, inVerbis Analytics, Libera Bio e Sense Aeronautics. Con esta reunión, a Xunta quere poñer en valor o programa Ignicia como un exemplo de éxito na transferencia de coñecemento e na xeración de innovación na Comunidade, así como visibilizar o potencial competitivo de Galicia a nivel internacional, destacando a súa capacidade para liderar tecnoloxicamente e contribuír ao seu desenvolvemento económico.
Esta convocatoria insírese nas medidas promovidas pola Consellería para impulsar a colaboración estratéxica e a transferencia de coñecemento, recollidas no Plan galego de Investigación e Innovación 2025-2027, que conta cun orzamento superior aos 52 millóns de euros. Ignicia constitúe unha das ferramentas principais da Xunta neste ámbito e desenvólvese a través de dúas liñas complementarias: a convocatoria de axudas e outras accións orientadas á valorización do coñecemento, como a formación de profesionais da transferencia, seguimento de indicadores ou accións para mellorar o posicionamento do programa a nivel rexional, estatal e internacional.

Nova convocatoria: Ignicia Proba de Concepto

O vindeiro luns publicarase no Diario Oficial de Galicia a quinta edición da convocatoria Ignicia Proba de Concepto, dotada con 4 millóns de euros, coa que se prevé apoiar entre 8 e 10 novos proxectos, que se sumarán aos 32 xa impulsados en edicións anteriores.
Esta liña de axudas está dirixida a organismos de investigación galegos, como as universidades públicas, centros tecnolóxicos, centros do CSIC en Galicia ou fundacións sanitarias. Os proxectos deberán demostrar capacidade para xerar retornos económicos e ter como obxectivo a comercialización dos resultados da investigación. A selección realizarase en dúas fases e os proxectos comezarán a executarse a principios de 2026, cunha duración estimada de dous anos.