Os proxectos galegos copan as candidaturas da aceleradora aeronáutica BFAero

venres, 8 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A aceleradora BFAero, a primeira lanzadeira empresarial galega centrada no sector aeronáutico, vén de iniciar a fase de preselección e selección de proxectos aos que dar acubillo, asesoramento e, finalmente, impulso. Ao peche das inscricións rexistráronse na plataforma 112 usuarios e 63 propostas. Delas, resultaron ser seleccionábeis 54, na súa maior parte (o 68%) procedentes da nosa terra. Ou sexa, un total de 37. Os restantes proxectos proceden do resto do eido estatal.
A área temática que concentra maior número de iniciativas inscritas é a de cargas de pago e sistemas, con ideas como o uso de drons na procura de persoas tras unha catástrofe ou para a loita contra especies invasoras como a avespa velutina, seguida da de deseño e produción (con propostas para dar forma a vehículos aéreos que transporten órganos ou sangue ou drons para o control en situacións de emerxencias forestais) e do eido dos datos e a información. Neste último punto hai contribucións para facer seguimento do medre de pragas ou para extraer información dun territorio concreto a través de UAV.
Como resultado das salientábeis estatísticas referidas á presentación de achegas, os promotores de BFAero valoraron moi positivamente a cantidade e a calidade das ideas recibidas, un feito que, nas súas palabras, “reforza o papel de Galicia como lugar estratéxico para o desenvolvemento dun sector (o aeronáutico e dos vehículos non tripulados) con gran potencial de crecemento e de xeración de valor”.
Agora, o seguinte paso é someter a votación popular, entre os días 11 e 20 de marzo, os devanditos 54 proxectos inscritos na súa primeira edición e susceptíbeis de incorporarse ao seu programa de incubación e aceleración. Ao final deste proceso elixiranse dúas propostas. Isto engádese á preselección por parte do comité executivo de BFAero de polo menos dez contribucións acelerábeis.
Desta etapa de preselección sairán un mínimo de doce finalistas, que deberán defender a súa candidatura ante o comité executivo nunha entrevista persoal co equipo promotor e nunha xornada de Pitch Day, onde eles mesmos defenderán os méritos das súas propostas.
Tras iso, o órgano de decisión do programa (comité executivo) seleccionará finalmente as seis mellores propostas para incorporalas nesta primeira edición de BFAero na etapa de incubación (tres proxectos) e de aceleración (os tres restantes).
Todos eles disporán do apoio económico da Xunta de Galicia, co acceso a un financiamento a fondo perdido de até 100.000 euros na fase de incubación e de 50.000 en aceleración. De maneira paralela, poderán optar a un financiamento en forma de préstamos de Indraventures de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Tamén en aceleración terán acceso a préstamos participativos de até 250.000 euros de XesGalicia.
Outro dos beneficios para a media ducia de seleccionados está relacionado co uso dos espazos de coworking, oficinas individuais equipadas, aulas de formación e servizos de asesoramento técnico que pon á súa disposición a Fundación CEL de Lugo, así como das instalacións do complexo do aeródromo de Rozas, onde os elixidos poderán utilizar os drones de Indra e Babcock (Targus e Lua) e outros equipamentos especializados do ámbito da Civil UAVs Initiative.
A previsión é que xa en maio poidan empezar os programas de apoio desta primeira edición, á que seguirán outras dúas nos vindeiros meses (finais de 2019 e 2020). En total, a aceleradora dará soporte entre este ano e os próximos a un total de 19 empresas e suporá a creación de 60 empregos directos.

PUBLICIDADE