Os recursos para monetizar contidos na Rede centran un novo seminario gratuíto da Cámara de Santiago

mércores, 19 de marzo do 2025 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago prosegue coas súas actividades de transformación tecnolóxicas para pequenas e medianas empresas e persoas autónomas. Desta volta, organiza un seminario en liña que nos achegue recursos para rendibilizar publicacións nas redes: a sesión Monetización de contidos: unha segunda fonte de ingresos para pemes e autónomos. Será o vindeiro mércores 26 de marzo ás 10.00 horas.
Segundo explica a Cámara, trátase dunha xornada gratuíta e online que ten por obxectivo informar sobre as distintas opcións de monetización de contidos en redes sociais e outras plataformas dixitais. Abordaranse estratexias de rendibilidade económica (como crear contidos atractivos), como coñecer as nosas audiencias, como empregar as redes sociais co devandito cometido e que metodoloxías podemos aplicar para rendibilizar plataformas de vídeo e de podcast, entre outros contidos.
O relator será Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en mercadotecnia dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial Las 3 en Punto. Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.