Os reloxos Pebble estrearán versión premium este mes

martes, 7 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Os reloxos Pebble contarán en breve con tenda de aplicaciónsA febre dos smartwatches comezou en boa medida co Pebble, que foi o proxecto que máis cartos recibiu ata o momento a través de KickStarter, e que continúa a prosperar, aproveitando a súa presenza do Consumer Electronics Show (CES) de Las Vegas para dar a coñecer interesantes novas sobre os seus dispositivos, como o feito de que están a preparar unha tenda de aplicacións, que recollerá as ferramentas que existen para iOS ou Android que son compatibles cos reloxos de pulso de Pebble e que así serán máis doadas de localizar para a súa instalación.
Pero máis significativo é o feito de que, tras vender máis de 300.000 reloxos con acabado plástico, dende Pebble consideren que é preciso contar cun modelo premium e permitan xa a reserva do Pebble Steel, que continuará a gozar dunha pantalla de tinta electrónica (para un reducido consumo e unha boa visibilidade en exteriores, que vén reforzada por Corning Gorilla Glass e un recubrimento anti-pegadas) e resistencia á auga, ao que hai que engadir un acabado de aceiro inoxidable en dúas cores distintas, que comezarán a remitirse aos seus compradores a partir do día 28 a un prezo de 249 dólares (182,83 euros).


Vídeo de presentación do Pebble Steel

PUBLICIDADE