Os reloxos de Apple recuperan parcialmente a función de medición de osíxeno en sangue nos EE.UU.
xoves, 14 de agosto do 2025

- A función de medición de osíxeno en sangue do Apple watch continúa sen estar dispoñible directamente no reloxo nos EE.UU.
Apple anunciou que, a partir de hoxe, os propietarios dun Apple Watch Series 9, Series 10 e Apple Watch Ultra 2 vendidos nos Estados Unidos que carezan da función de osíxeno no sangue poderán recuperala mediante unha actualización de software. A novidade chega tras máis de ano e medio de restricións pola disputa legal con Masimo, a empresa que acusa a Apple de infrinxir patentes relacionadas coa súa tecnoloxía de pulsiosimetría.
O novo sistema, dispoñible coa instalación de iOS 18.6.1 no iPhone e watchOS 11.6.1 no reloxo, modifica o funcionamento orixinal: os sensores do Apple Watch recollen os datos, pero o cálculo das medicións faise no iPhone emparellado. Os resultados só se poderán consultar na aplicación Saúde do teléfono, e non directamente no reloxo, aínda que tamén se permitirán medicións en segundo plano.
A medida afecta unicamente a dispositivos vendidos nos EE.UU. despois da entrada en vigor, en xaneiro de 2024, da orde da Comisión Internacional de Comercio (ITC) que prohibiu a importación de modelos con esta función. Os reloxos adquiridos anteriormente, así como os comprados fóra do país, manteñen a versión orixinal sen cambios.
O regreso parcial da función foi posible grazas a unha resolución recente do Servizo de Aduanas estadounidense que autoriza a importación de modelos con este deseño de software alternativo. Apple continúa, non obstante, coa apelación da decisión inicial da ITC e confía en que o Tribunal de Apelacións do Circuito Federal revogue a prohibición.
O conflito legal remóntase a anos atrás, cando Masimo acusou a Apple de apropiarse da súa tecnoloxía tras uns primeiros contactos para unha posible colaboración. En 2023, a ITC deu a razón a Masimo e ordenou o veto, obrigando a Apple a retirar a función e a suspender temporalmente as vendas do Apple Watch no mercado estadounidense. En Europa os reloxos de Apple mantiveron a función polémica con normalidade, quedando fóra deste conflito de patentes.
