Os responsables de lingua de seis comunidades xuntan forzas para garantir a diversidade da plataforma Atenea
mércores, 15 de outubro do 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou este 15 de outubro en Santiago na comisión de seguimento do protocolo de colaboración en política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Euskadi, Cataluña, Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares. Na xuntanza os participantes expuxeron os avances nalgúns dos asuntos postos sobre a mesa na última reunión e abordaron cuestións que teñen que ver coa situación das linguas nos ámbitos non formais, especialmente no que se refire á mocidade, así como no eido económico e da xustiza.
A este respecto, García lembrou que a mocidade é unha das liñas nas que se traballa ao abeiro da actualización do Plan de normalización “poñendo o foco en propostas que prestixien o galego, intensifiquen a súa presenza nos distintos ámbitos nos que se moven os mozos e mozas e impulsen o seu uso no seu tempo de lecer e espazos de socialización”.
Ademais, os responsables en materia de lingua das comunidades autónomas con idioma oficial distinto do castelán, acordaron incidir a través da súa participación no acto de constitución do Consejo de las Lenguas Oficiales, que se celebrará en Donostia o vindeiro 3 de novembro, na necesidade de impulsar as respectivas linguas na xustiza, nomeadamente ante a implantanción da nova plataforma Atenea en substitución da actual Minerva do Goberno central.
A ese respecto recordaron que “precisamente o da xustiza é un dos ámbitos nos que o comité de expertos da Carta Europea das Linguas rexionais ou minoritarias sinala carencias seu informe de seguimento, para alén de noutros comúns, como o das forzas de seguridade do Estado, a educación ou a sanidade”. Segundo estivo os participantes cualificaron de “prioritario” que tanto nese como en todos os programas de nova implementación polo Goberno central se atenda á realidade plurilingüe do Estado e á protección e promoción do uso das linguas oficiais.
Lembrar que recentemente o conselleiro de Cultura, José López Campos, reiterou “que a Xunta de Galicia está a traballar para garantif que o novo sistema informático de xestión procesual que vai implantar o Ministerio de Xustiza estea dispoñible tanto en galego como en castelán”. En concreto, sinalou que “a Administración autonómica quere evitar que co novo programa Atenea se repita o problema sucedido con Minerva, que non estaba preparado para soportar a versión en galego”. Explicou tamén “que nun primeiro momento a intención do Ministerio de Xustiza era asinar un convenio para ceder este sistema á Xunta só en castelán e que fose o Goberno autonómico o que asumira a implantación da lingua galega”. Engadiu que “a plataforma figuraba só en castelán e non tiñamos a seguridade de que fora estar dispoñible nas dúas linguas”, e por este motivo “iniciouse o proceso de diálogo co Goberno central, xunto coa Irmandade Xurídica, para colaborar co Ministerio e que Galicia teña o que lle corresponde, respectando e favorecendo así o uso do galego”.
