Os retos da IA para o ensino, a literatura e a cultura galegas centran unha xornada do CCG
luns, 8 de xullo do 2024
O Consello da Cultura Galega vai organizar esta semana unha cita de debate e divulgación sobre as novas tecnoloxías e os novos retos (tecnolóxicos) aos que se enfronta a nosa terra en materia de idioma e cultura. Trátase da xornada Intelixencia Artificial: un novo desafío para o ensino da lingua, literatura e cultura galegas na Educación Secundaria, que se desenvolve este martes 9 na sede compostelá do CCG, no Pazo de Raxoi.
O Consello da Cultura contextualiza deste xeito a xornada: “A irrupción a finais do ano 2022 de ferramentas de Intelixencia Artificial Xerativa, como ChatGPT e outras moitas, está a revolucionar o xeito en que o alumnado realiza as tarefas, mais tamén a maneira en que o profesorado avalía os traballos; ademais o galego atópase nunha situación de minorización tamén no ámbito tecnolóxico, de xeito que moitas das ferramentas que a comunidade educativa ten ao seu alcance non están en galego nin están contextualizadas ou referenciadas na cultura galega”.
Esta xornada pretende “reflexionar sobre os desafíos que traen canda si estas tecnoloxías, especialmente a IA, e sobre o impacto que teñen na docencia de lingua, literatura e cultura galegas no ensino medio”. Tamén se procura “identificar as oportunidades que nos ofrecen e propoñer, de ser posíbel, algunhas claves para afrontar unha realidade que xa temos dentro das aulas”.
A inscrición é gratuíta. O número de prazas é limitado (100 persoas) e as cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Programa
16:00 horas – Presentación
16:30 horas – Conferencia – A integración da Intelixencia Artificial nos procesos de ensino-aprendizaxe: posibilidades e retos
Lorena Casal, Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e secretaria do Instituto de Ciencias da Educación da USC
17:15 horas – Debate
17:30 horas – Mesa redonda – Desafíos e oportunidades que ofrecen as tecnoloxías para o ensino de lingua, literatura e cultura galegas no ensino secundario
Ana Pérez Rico, Asociación SocioPedagóxica Galega (AS-PG)
Fernando González Bao, Centro Autonómico de Formación e
Innovación (CAFI)
María José Malmierca, Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)
Fátima Leira Beloso, profesora no IES Canido de Ferrol
Modera: Francisco Dubert García (Instituto da Lingua Galega, USC)
19:00 horas – Peche da xornada