Os retos dos buques intelixentes centran unha nova xornada de AMTEGA e a AETG

martes, 22 de outubro do 2019 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) organizan o vindeiro 28 de outubro unha actividade para fortalecer na nosa terra a Industria 4.0 no sector naval e marítimo. Estamos a falar da conferencia Xemelgos Dixitais e o reto dos buques intelixentes, que forma parte do programa de transferencia de coñecemento sobre novas tendencias do convenio asinado entre ambas entidades.
A charla será no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura (ás 11:15h) e contará con relatorios dos enxeñeiros e directores de Navantia, Donato Martínez Pérez de Rojas, Juan Ignacio Silvera Vez e Carlos Blanco Seijo No evento presentarase “unha visión xeral do plan de transformación que dará lugar ao Xemelgo Dixital no entorno da construción naval” e abordaranse os retos e oportunidades desta tecnoloxía e a súa implicación no ecosistema naval e marítimo, finalizando cunha exposición dun caso de aplicación nos futuros buques da Armada Española. A xornada está dirixidas tanto ao sector TIC como ao resto de sectores e, tamén, á cidadanía en xeral e ás administracións públicas. As persoas interesadas deberán confirmar a súa asistencia enviando un correo a comunicacion@aetg.gal
Esta conferencia nace como unha iniciativa da Oficina Concellos xestionada pola AETG no marco do convenio asinado con AMTEGA. A Oficina Concellos ofrece un servizo de asesoramento e soporte especializado sobre normativa e solucións técnicas para o despregue de infraestruturas de telecomunicación. Calquera concello que precise de axuda neste ámbito pode chamar ao teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h ou ben enviar a súa consulta ao enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.

PUBLICIDADE