Os retos galegos do emprendemento centran unha xornada no Club Financeiro da Coruña

martes, 10 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O emprendemento, a innovación e as claves para garantir as meirandes posibilidades de éxito no mercado centran este xoves unha nova xornada (Brunch Emprendedor) da consultora tecnolóxica Ferreira Dapía Tech no Club Financeiro da Coruña. Na cita, na que tamén se debaterá sobre os retos específicos das firmas galegas para competir, participarán as empresas Luckia (centrada nas apostas deportivas online), a cervexeira Hijos de Rivera ou a tecnolóxica Improving Metrics, achegando as súas respectivas experiencias e os seus puntos de vista sobre transformación, información a gran escala, novas canles de comunicación e xeitos de captar clientes e mantelos.
Esta xornada será o broche final á edición de 2019 de Coffeemprende, un proxecto desenvolvido pola empresa coruñesa de consultoría no que o segundo xoves de cada mes, un empresario galego de éxito tivo a ocasión de compartir almorzo e experiencias cun auditorio formado por mocidade emprendedora. Por Coffeemprende pasaron José González Fuentes (presidente de Luckia Gaming Group), Alejandra Mosteiro (fundadora de Extend) ou Jesús Echarri (fundador e CEO de Improving Metrics), entre outras/os.
Para pechar o ano, Ferreira Dapía quixo reunir a todos os relatores que participaron nesta iniciativa, nun formato de mesa redonda e coloquio, no que os empresarios convidados, pertencentes a sectores moi diferentes, porán en común os seus puntos de vista e debaterán o futuro do tecido empresarial galego. Durante o coloquio, os máis de 60 asistentes esperados, exporán as súas dúbidas e inquietudes aos relatores. A cita dará comezo ás 12.00 no Club Financeiro da Coruña.

PUBLICIDADE