Os segredos da metodoloxía PMI 6, ao detalle nun novo curso online de Vitae Consultores
mércores, 17 de febreiro do 2021
Prosegue
esta tempada a actividade da aula virtual da consultora galega Vitae,
centrada máis que nunca en formar aos nosos profesionais para os
grandes retos que impón unha transformación que se volve cada vez
máis urxente e necesaria. Xa cos inicios da primavera, a consultora
organiza a 22 edición do que xa pode ser considerado un clásico da
nosa formación tecnolóxica, o
Curso de Dirección e Xestión de Proxectos baixo a metodoloxía PMI
6, que achegará aos participantes unha importante oportunidade
de formación para o exame de Certificación PMP do PMI.
Serán
35 horas de contidos a desenvolver os días 16, 17, 18, 23, 25 e 26
de marzo, e os días 7, 9, 14, 16, 21 e 23 de abril. O curso é unha
nova oportunidade para clarificar conceptos e botar luz sobre o que
semella complexo, facéndoo sinxelo e doado de comprender para todas
as persoas implicadas: a posta en marcha dun proxecto tecnolóxico.
Segundo
lembra Vitae, son moitos os condicionantes que inflúen negativamente
no día a día dunha compañía tecnolóxica, adversidades como a
crise económica, os conflitos sociais, os cambios políticos, as
normas e regulamentos cada vez máis restritivos, unha meirande
presión para o cumprimento dos obxectivos, a necesidade de obter
máis eficiencia, ou a limitación de recursos. “En consecuencia,
os proxectos non só se volven máis complexos senón tamén máis
incertos, cousa que pode impactar negativamente na consecución do
éxito dos obxectivos do proxecto, xa sexa en forma a adiamento no
tempo, sobre-custes, corrupción do alcance, desmotivación do
persoal, insatisfacción dos clientes ou deterioro da imaxe externa
da organización”, explican dende Vitae, engadindo que unha parte
importante destes condicionantes desaparecen se apostamos de cheo
polas boas prácticas recoñecidas internacionalmente para a
dirección de proxectos, que achegan un maior nivel de certeza nos
mesmos, ao ofrecer aos profesionais “unha visión ampla e necesaria
sobre o traballo desenvolvido”.
Neste
senso, Vitae engade que “a certificación PMP acredita a persoas e
xera impactos directos de valor nas organizacións”, xa que a
dirección eficaz e eficiente de proxectos debe considerase como unha
competencia estratéxica das empresas, xa que lles permite competir
de maneira máis rendíbel e áxil nos seus mercados, sustentar á
organización e responder ás consecuencias dos cambios na contorna
de negocio, “axudando a cumprir os obxectos dos proxectos, a ser
máis predicíbeis, a optimizar o emprego de recursos da organización
e, en xeral, a actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
Para
quen non o saiba, a PMI (Project Management Institute) é a
organización máis recoñecida a nivel internacional na disciplina
da dirección de proxectos. Está integrada por máis de 600.000
profesionais de todo o mundo, expertos na xestión de iniciativas,
con independencia do tamaño e complexidade das mesmas, en múltiples
sectores industriais. Vitae recorda que “as boas prácticas
aplicadas e postas en marcha polo PMI son coñecidas, recoñecidas e
avaladas por milleiros de profesionais ao longo dunha chea de anos en
miles de traballos de todos os ámbitos”.
En
termos máis concretos, o PMI acredita aos profesionais na dirección
de proxectos co certificado PMP (Project Management Professional), o
cal goza dun alto recoñecemento, identificando a quen o posúe como
profesional altamente cualificado e demandando, na medida en que
aporta un coñecemento moi detallado para a dirección de
iniciativas, anticipando problemas, xestionando proactivamente a
incertidume e aumentado as probabilidades de éxito nos proxectos.
A
persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real,
licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de
ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do
Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de
iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste
ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de
xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de
adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas,
formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión
avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone,
Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de
Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.