Os segredos e posibilidades de WordPress, ao detalle no Campus de Pontevedra

luns, 11 de febreiro do 2019 Redacción

WordPress é a tecnoloxía que alicerza hoxe en día unha terceira parte da Rede. Tendo en conta isto, as súas moitas utilidades e posibilidades e o feito de ser aberto e de balde e adaptábel a múltiples proxectos, o Campus de Pontevedra, a través da Vicerreitoría, está a organizar dende a semana pasada o curso Creación de páxinas web e posicionamento con WordPress, dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e impartido polos expertos en desenvolvemento e posicionamento Juan Hernando e Wajari Velásquez, membros da comunidade WordPress de Pontevedra.
O obradoiro, que se desenvolve nos meses de febreiro e marzo na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría (Casa das Campás), ten como obxectivo “que os alumnos e alumnas desenvolvan a súa propia páxina web facendo uso dos múltiples recursos dos que dispón un sistema empregado”, lembra Rolán, engadindo que “tanto para facer un blog como para webs con medio millóns de visitas ao mes, como a da revista Time”.
Segundo destaca Martínez, unha das grandes bazas de WordPress reside no seu ecosistema de desenvolvedores”, e o importante traballo que teñen realizado para poñer ao noso alcance milleiros de aplicacións, boa parte delas de balde, que nos permiten facer cousas como crear tendas en liña, motores de reservas ou repositorios de documentos.
A finalidade do curso é que o alumnado poida, partindo de cero, desenvolver o seu propio proxecto con WordPress e avanzar con el “ata onde sexa quen de chegar” ao longo das 30 horas deste obradoiro.
O inicio do taller, celebrado a semana pasada, centrouse en achegar unha serie de nocións sobre como funciona internet, que é como funciona WordPress.
Desenvolvedor web especializado en WordPress e en comercio electrónico, Juan Hernando abordará neste taller, que emprega a versión liberada Wordpress.org, o proceso de instalación deste sistema nun servidor, así como o seu funcionamento, as posibilidades de instalar e modificar aparencias gráficas ou a incorporación de plugins que doten o espazo de novas funcionalidades. Pola súa banda, Wajari Velásquez, consultor SEO e experto en mercadotecnia dixital, será o responsábel de fornecer ao alumnado de recursos para escoller palabras claves e optimizar un WordPress para lograr unha mellor posición do espazo en buscadores.
O obradoiro, que celebra a súa primeira edición na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, tivo unha boa acollida, cubrindo ás súas 15 prazas e reunindo tanto a alumnado e profesorado do campus, estudantes do Programa Universitario para Maiores ou persoas alleas da comunidade universitaria.

PUBLICIDADE