Os servizos PlayStation Plus e PlayStation Now fusiónanse en xuño

martes, 29 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Levamos meses escoitando rumores sobre un novo servizo de Sony para facer fronte ao Xbox Game Pass, e finalmente Sony Interactive Entertainment anuncia a fusión de PlayStation Plus e PlayStation Now, ou sexa, do servizos de subscrición que facilita o acceso ao xogo en liña en consolas PlayStation (regalando algún xogo cada mes) e o servizo de xogo na nube de PlayStation (especialmente interesante para gozar de xogos de consolas de anteriores xeracións).
Esta fusión de servizos completarse no mes de xuño, cando será posible acceder a PlayStation Plus en 3 niveis de subscrición diferentes:
– PlayStation Plus Essential: equivalente ao PlayStation Plus actual, ou sexa, que permiten gozar de xogos en liña, gardar partidas na nube e gozar dun par de xogos descargables ao mes a cambio dunha mensualidade de 8,99 euros, que tamén pode contratarse por 24,99 euros/trimestre ou 59,99 euros/ano.
– PlayStation Plus Extra: esta modalidade engade até 400 xogos de PS4 e PS5 (incluíndo grandes éxitos, aínda que non xogos de lanzamento) a un prezo de 13,99 euros/mes, 39,99 euros/trimestre ou 99,99 euros/ano.
– PlayStation Plus Premium: engadiría até 340 xogos máis (os de PS3 dispoñibles en streaming e os de PSOne, PS2 e PSP en streaming e para descargar) e permitiría acceder a probas de xogo por tempo limitado. O prezo desta modalidade será de 16,99 euros/mes, 49,99 euros/trimestre ou 119,99 euros/ano.
Estes servizos semellan unha grande decepción para os incondicionais de PlayStation, por non contar con ningunha modalidade que inclúa novos lanzamentos e ter uns prezos elevados, xa que a versión Ultimate de Xbox Game Pass ten un prezo de 12,99 euros/mes, achegando unha oferta extraordinariamente superior, con streaming para numerosas plataformas e un catálogo que inclúe xogos dos estudio de Microsoft dende o día do lanzamento, así como unha boa selección de títulos de Electronic Arts.

PUBLICIDADE