Os servizos de subscrición de Electronic Arts unificaranse baixo a marca EA Play

venres, 14 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Actualmente as subscricións de EA teñen distintos nomes en función de se estamos en PC ou en consola

Tras o éxito de EA Access como un servizo de xogos mediante subscrición para Xbox dende Electronic Arts decidiron replicar a fórmula en PC chamándolle Origin Access Premier a esta nova subscrición que tamén conta cunha versión máis accesible chamada Origin Access Basic (cun catálogo máis limitado e con acceso ás versións estándar dos xogos, ou sexa, sen os contidos descargables das versións de luxo).
Para simplificar este marco de servizos de subscrición a nivel de marca dende Electronic Arts decidiron que a partires do día 18 EA Access e Origin Access Base pasen a chamarse EA Play, mentres que Origin Access Premier chamarase EA Play Pro, mantendo as condicións dos servizos anteriores, pero resultando máis doado para o usuario o que está a contratar.
Os que paguen por EA Play contarán con xogos dun amplo fondo de catálogo e acceso anticipado a versións de demostración das novidades de EA, mentres que os usuarios Pro contarán tamén con contido adicional para os distintos títulos, así como acceso ás últimas novidades, sendo así unha subscrición para un público máis esixente e intensivo (aínda que cómpre lembrar que tal opción non está dispoñible en PS4 e Xbox One).
Nos vindeiros días EA Play tamén pasará a estar dispoñible a través de Steam, facendo máis accesible aos xogadores esta opción de subscrición que resulta especialmente atractiva para os que simplemente queren ter unha boa selección de títulos para xogar no tempo de lecer sen preocuparse de que sexan os lanzamentos máis recentes.

PUBLICIDADE