Os soportes físicos de música e vídeo cada vez están menos presentes nas tendas

mércores, 12 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Os traballadores das tendas británicas de Tesco están a recibir documentación na que se lles informa dunha nova estratexia comercial na que reducen a presenza de certos produtos, detallando a «retirada de CD e DVD» de xeito que antes de rematar o mes de febreiro esta cadea de establecementos comerciais deberían estar libres de música e películas en soporte físico.
Aínda que non se detalla o que acontecerá cos discos en formato Blu-ray, entendemos que recibirán o mesmo tratamento que os DVD, ou sexa, que os estantes destinados a música, cine e televisión desaparecerán, como xa fixeron algunhas outras cadeas comerciais nos últimos meses (Sainsbury’s vén de liquidar os seus DVD e Blu-ray, e Argos deixou de vender películas en disco o ano pasado), constatando que o mercado xa non está a demandar este tipo de produtos, para pesar dos coleccionistas. O que non se desbota é que si comercialicen algúns grandes lanzamentos, pero serían algo anecdótico, polo que 2022 podería ser o ano no que moitos mercados constatasen a desaparición dos soportes físicos.
En España aínda non sabemos de medidas semellantes por parte de grandes cadeas comerciais, pero si puidemos ver como a meirande parte de establecementos reduciron considerablemente o espazo destinado a audio e vídeo en soporte físico. Semella que só é cuestión de tempo que os discos físicos digan adeus, convertendo a preservación de certos contidos audiovisuais e musical en todo un reto a longo prazo.

PUBLICIDADE