Os subscritores de PlayStation Plus Premium poderán gozar do xogo na nube a partir do día 23

mércores, 11 de outubro do 2023 Marcus Fernández

O ano pasado renovouse o servizo de subscrición PlayStation Plus, con tres tarifas distintas, prometendo a máis cara de todas que incluiría xogos en streaming, e por fin dan máis detalles sobre a transmisión en streaming na nube de PS5 para os membros de PlayStation Plus Premium.
A partir deste mesmo mes comezarán a implementar o acceso á transmisión en streaming na nube para os títulos dixitais de PlayStation Plus compatibles co catálogo de xogos e as probas de xogo de PlayStation Plus, así como para títulos compatibles da biblioteca de xogos de PS5 que posúen os membros de PlayStation Plus Premium.
Haberá títulos seleccionados de PS5 dispoñibles para xogar en streaming e prevén engadir centos de máis títulos de PS5 a esta nova vantaxe para os subscritores. Deste xeito poderase gozar de grandes éxitos como Marvel’s Spider-Man: Miles Morales, Horizon Forbidden West, Ghost of Tsushima, Mortal Kombat 11 e Saints Row IV; de probas de xogo de títulos de PS5 como Hogwarts Legacy, The Witcher 3: Wild Hunt e The Calisto Protocol; e de títulos dixitais de PS5 adicionais como Resident Evil 4, Dead Island 2, Genshin Impact, Fall Guys e Fortnite.
Isto quere dicir que, aparte de poder descargar todos eses títulos, os usuarios terán a posibilidade de gozalos en streaming, aínda que polo momento esta posibilidade só estea dispoñible dende a propia consola PlayStation 5 (en contraste co servizo análogo de Xbox, que tamén abre o xogo a ordenadores, dispositivos móbiles, televisores e, en breve, cascos de VR), polo que basicamente é un xeito de evitar a descarga e instalación dos xogos, o que resulta moi práctico para partidas rápidas ou para cando simplemente queremos probar algún título antes de decidir se imos dedicarlle moitas horas.
No caso europea está previsto que o xogo na nube para PS5 comece a funcionar o 23 de outubro.

PUBLICIDADE