Os tesouros da Montaña de Lugo móstranse ao mundo nunha serie de arquivos sonoros

martes, 18 de xuño do 2024 S. P.

Pilar García Porto, responsábel de Réxime Interior da Deputación de Lugo, presentou no Centro de Interpretación de Terras do Miño un proxecto ao que a institución provincial achega 10.000€ para promocionar o patrimonio dos Ancares a través dunha serie de seis viaxes sonoras. Baixo o título Os Andares, esta iniciativa consiste en diferentes pezas en formato de docuficción que propoñen un percorrido polos concellos que conforman a comarca da Montaña.
Participaron tamén na presentación os representantes do colectivo Galiza Emocional que impulsa este proxecto; os directores artísticos da iniciativa, José Díaz e Iria Azevedo; e os alcaldes de Navia de Suarna, José Fernández, de Baralla, Miguel González, e das Nogais, Jesús Núñez.
Os diferentes sons desta serie poden escoitarse xa de xeito gratuíto na páxina web osandares.com, que conta con paradas na Pobra de Navia (Navia de Suarna), Penarrubia (Baralla), Torés (As Nogais), Castro de Santa María (Cervantes), Os Grobos (Becerreá) e Lagoa Maior (Pedrafita do Cebreiro).
Estas viaxes sonoras son pezas de arte inmersiva ao aire libre e están contadas por actores e actrices que interpretan diferentes personaxes; o seu discurso altérnase con intervencións en primeira persoa dos veciños e veciñas que viven no territorio. “Emoción e divulgación, nunhas pezas que se nutren de contidos do patrimonio cultural, artístico, natural, histórico, sociolóxico, sentimental e cotiá”, valoraron os autores, engadindo que cada capítulo ten unha duración de entre 32 e 47 minutos e ofrece anacos de historia e arquitectura das diferentes localizacións, recollendo ademais as lembranzas e emocións das persoas que habitan e habitaron estes concellos e facendo compilación tamén da súa tradición oral, músicas e acervo cultural.
Explicaron os creadores de Os Andares que “non é necesario seguir unha orde concreta para desfrutalos, o realmente importante é fomentar a participación activa das persoas que escoitan, máis aló do paseo, a observación e a escoita”.
Os capítulos están dispoñíbeis en galego, castelán e inglés.