Os tiktokers galegogalantes lanzan un convite a participar na gran concentración do 17 pola lingua

xoves, 12 de maio do 2022 S. P.

A Mesa pola Normalización Lingüística vai celebrar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, cunha actividade que pon o foco nas redes sociais e nas novas xeracións, dous conceptos cada vez máis estreitamente ligados. A actividade consiste en convocar unha ducia de referenciais creadores de contidos na nosa lingua para lanzar un convite ás súas seareiras e seareiros a participar nas celebracións deste 17 de maio, concretamente na manifestación a prol do futuro da nosa lingua.
A ducia de tiktokers publicaron este mércores 11 de maio un vídeo colectivo animando ás súas comunidades de seguidores en Tik Tok (unhas 100.000 persoas) a participar na dita concentración convocada pola plataforma Queremos Galego (o 17 de maio na Alameda de Santiago).
A burelesa @paulablackmakeuplover abre o vídeo denunciando que “estamos fartas de que recibir odio por facer contido en galego”, ao que @Letidataberna engade: “Queremos TikTok en galego agora e sempre”. Pola súa banda, @patribdopazo máis a súa avoa rematan deste xeito: “Queremos un novo futuro para a nosa lingua”. Tamén participan no vídeo @rodrimiguez, @cousasrarisimas, @olaxonmario, @josannl, @irisgestoso, @pradorua, @todomal.va, @cessarrg e @sarasecorial. Todas e todos coinciden en afirmar “que un novo futuro para a nosa lingua é posíbel e que, por iso, cómpre acudir á manifestación do 17 de maio en Compostela”.
A plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, fixo público onte pola tarde o manifesto En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua. O texto recorda que “a situación do galego non é irreversível e que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua, mais tamén salienta que cómpre que o Goberno galego abandone o desprezo polo idioma e garanta presenza e dispoñibilidade en todo e para todo”.
O devandito vídeo está dispoñíbel nos perfís de TikTok de todas as persoas participantes. Tamén se pode descargar dende Dropbox.

PUBLICIDADE