Os turistas que veñen a Ourense queren os hoteis mellor situados e con mellores opinións nas redes

luns, 20 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Un equipo de investigadoras e investigadores do Campus de Ourense vén de analizar a fondo os comentarios de TripAdvisor e Booking para “coñecer o proxectivo on-line do sector hoteleiro da provincia”. O estudo, para o que avaliaron arredor de 28.000 contribucións dos internautas, serviulles para descubrir ao detalle, por medio de tarefas propias da analítica Big Data, o que queren de verdade os turistas que se achegan a Ourense e alóxanse nos seus hoteis: basicamente desexan estar ben situados e nun emprazamento próximo aos principais monumentos e comunicacións.
O proxecto é un dos cinco financiados na convocatoria Inou 2019 da Vicerreitoría do Campus de Ourense, que conta con apoio da Deputación e que ten por obxecto apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia.
A investigadora e profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática Rosalía Laza coordinou a iniciativa, que levou por título Desenvolvemento de ferramentas para apoiar a calidade e mellora continua no sector hoteleiro ourensán. Nel participaron en total sete investigadoras/es, cinco da Escola Superior de Enxeñaría Informática e dous da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.
A través da investigación descubriron, entre outras informacións, que unha das cousas que máis se ten conta á hora de planificar unha viaxe e as diferentes etapas da mesma é coñecer experiencias previas sobre onde durmir e comer e actuar en consecuencia. O estudo guinda o seguinte dato ao respecto: o 86% dos viaxeiros non reservan aloxamento sen antes ler as opinións dos usuarios sobre o mesmo.
Neste marco de traballo, o proxecto centrouse na extracción automática de datos de comentarios sobre hoteis da provincia de Ourense das plataformas Booking.com (servizos de reserva on-line) e TripAdvisor.es (portal de promoción turística), “dous importantes portais nos que se recadan as opinións dos turistas”.
Froito da análise das opinión cuantitativas e considerando as valoracións dos usuarios segundo o tipo de viaxe, o grupo observou que as puntuacións máis altas en todas as clases de viaxe adoitaban ser para a situación dos establecementos. Pola contra, engaden, “a relación calidade-prezo é a menos valorada nos viaxes en familia, parella ou de amigos e a valoración individual rexistra os datos máis baixos no caso de usuarios que se desprazan por negocios ou sós”.

PUBLICIDADE