Os últimos auriculares de Logitech están orientados a videoconferencias

martes, 3 de agosto do 2021 Marcus Fernández

O uso intensivo de videoconferencias e chamadas de voz en certos contornos de traballo levou ao deseño dos Logitech Zone True Wireless, uns auriculares sen fíos para uso profesional, que contan con cancelación de ruído e sorprenden especialmente por estar certificados para Microsoft Teams, Skype for Business, Google Meet, Google Voice e Zoom (sendo compatibles con outras solucións semellantes) deixando claro que a súa vocación é corporativa, o que tamén podemos entender polo seu prezo de 329 euros.
Os auriculares integran micrófono con cancelación de ruído certificada, tecnoloxía ANC e son inmersivo, buscando así ser ideais para espazos de traballo abertos.
Tamén permiten a conexión simultánea co ordenador e o smartphone, podendo personalizar e controlarse os auriculares a través da aplicación Logi Tune.
Realmente cada auricular integra 3 micrófonos, buscándose así diferenciar a voz do usuario do ruído ao seu redor, para o que destaca principalmente o micrófono máis interno, que capta a voz a través de condución ósea.
Aínda que os Logitech Zone True Wireless funcionan por Bluetooth, o que resulta ideal para conectalos ao smartphone, tamén contan cun receptor USB que facilita unha conexión estable co ordenador.
Coa tecnoloxía multipunto facilítase o uso alternante de dúas fontes de audio activas, buscando así non perder unha chamada en ningunha ocasión.
Os auriculares teñen unha autonomía de 6 horas para xuntanzas co ANC activado (6,5 horas con el desactivado) ou para 9 horas de reprodución de música co ANC activado e 12 horas co ANC desactivado. A súa funda de carga poder recargarse mediante indución ou USB-C. E estes auriculares non están pensados só para o uso na oficina, xa que contan con certificación IP68, de xeito que poden empregarse tranquilamente durante a práctica deportiva sen temor a que a humidade ou a suor poidan estragalos.
Sairán á venda en negro ou en rosa, aínda que haberá que agardar ao outono para poder adquirilos.

Vídeo promocional dos novos auriculares de Logitech

PUBLICIDADE