Os últimos parches de seguridade provocan reinicios en certos procesadores de Intel

venres, 12 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

As medidas para mitigar os potenciais efectos de Meltdown e Spectre están a resultar moito máis problemáticas dos esperado, e non só xurdiron problemas cos procesadores de AMD, senón que agora advírtese de que usuarios con procesadores Intel Broadwell e Haswell (ou sexa, os procesadores lanzados en 2013 e 2014), tanto no caso de usuarios particulares como en centros de datos, están a experimentar un incremento no número de reinicios dos seus sistemas tras aplicar as últimas actualizacións de firmware.
Dende Intel aseguran estar a traballar coas persoas que detectaron estes problemas para atopar unha solución, tras o que distribuirán unha nova actualización que corrixirá os problemas detectados.
Estes días Intel tamén publicou as súas probas de rendemento iniciais tras aplicar os parches de seguridade a distintos equipos con procesadores das últimas 3 xeracións, das que desprenden que de cara aos consumidores o impacto no rendemento non é significativo, pois en boa parte dos casos de uso non se chegaría a perder un 6% de rendemento e, no caso dos videoxogos, a caída non chegaría nin sequera ao 1%.
En calquera caso continuarán a traballar para reducir o impacto dos parches de seguridade, xa que o seu obxectivo é maximizar a seguridade e o rendemento do seu hardware.

JPEG - 196.8 KB
Táboa coas últimas probas de rendemento elaboradas por Intel tras a aplicación dos parches de seguridade contra Meltdown e Spectre

PUBLICIDADE