Os usuarios dan un suspenso ás aplicacións das principais operadoras en España

xoves, 1 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A consultora española BrainTrust vén de presentar os resultados dun estudo sobre as aplicacións móbiles das grandes operadoras telefónicas que operan no mercado estatal. A investigación salienta e sorprende, entre outras cousas, pola baixa puntuación que lle outorga ás app das dúas compañías con meirande cantidade de clientes e peso no mercado: Movistar e Vodafone. De feito, no estudo dise que ámbalas ferramentas móbiles obteñen un suspenso. Iso si, o suspenso é compartido (en maior ou menor medida) por todas as demais avaliadas e valoradas.
O Estudo Comparativo sobre as Apps móbiles do sector de telecomunicacións elaborouse en base ás valoracións realizadas por 6.530 usuarios de Android (que supoñen o 88% do mercado) no terceiro cuadrimestre de 2017. Segundo sinalan dende BrainTrust en relación á predisposición dos usuarios destas ferramentas, “hoxe en día os usuarios son cada vez máis esixentes coas aplicacións móbiles que ofrecen as operadoras telefónicas e castigan con dureza a través dos seus comentarios e valoracións a todas aquelas que non están deseñadas desde o principio co fin de facerlles a vida máis doada”.
BrainTrust salienta “a pésima valoración obtida polas apps da maioría das operadoras”. De feito, das 10 aplicacións móbiles analizadas, ningunha logra aprobar. As mellores valoradas polos clientes foron O meu Simyo (+4) e Lowi.es (-26) No lado oposto, as peor valoradas foron as aplicacións das operadoras O meu Yoigo (-76), A miña fibra ONO (-88) e Masmóvil (-93).
No estudo indica que se comparamos a evolución do posicionamento da valoración respecto ao cuadrimestre anterior, só a ferramenta de Movistar (-63,2) e Lowi.es (-26,9) melloraron a súa posición en 13 e 21 puntos, respectivamente.
Para entender as baixas valoracións dos clientes das apps, a consultura tamén analizou os comentarios deixados polos usuarios. Os clientes castigan fortemente nas súas valoracións ás aplicacions pola súa peor usabilidade, utilidade, servizo e deseño.

PUBLICIDADE