Os usuarios das redes elixirán a mellor achega emprendedora TIC de Ferrolterra

luns, 23 de outubro do 2017 Redacción

O venres pasado, AJE Ferrolterra presentou no consistorio local a quinta edición do seus Premios Ferrolterra Emprende, unha iniciativa que conta coa colaboración do Concello, a Deputación da Coruña, IESIDE (Escola de Negocios AFundación) e o IGAPE, e que se encamiña a recoñecer o pulo emprendedor e innovador das firmas con sede de operacións nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O certame, cuxo prazo para a presentación de candidaturas estará aberto a partir deste 23 de outubro, inclúe dúas categorías e catro accésit. As primeiras son Premio Empresaria/o Nova/o (3.200 euros en formación a cargo de IESIDE, para empresarias/os que leven constituídas/os máis de tres anos) e Premio Emprendedora/or Nova/o (1.000 euros de contía, abranguendo participantes con 3 anos ou menos de actividade e cunha facturación inferior a 1 millón de euros). Os accésit son á creación de emprego, á RSE e conciliación laboral, á innovación e, por último, ás novas tecnoloxías.
Os tres primeiros inclúen, a xeito de premio, formación do IESIDE. O accésit TIC, pola súa parte, vén co seguinte recoñecemento: un ano de publicidade de balde en Ferrol. Esta distinción específica ás iniciativas emprendedoras do ámbito das novas tecnoloxías será elixido polo público nun concurso que se convocará a partir de que se abra o prazo de presentar as candidaturas nas redes sociais.
O xurado que emitirá o fallo das restantes modalidades estará composto por diversas personalidades do mundo empresarial, financeiro e institucional. O prazo para a entrega da documentación será ata o día 17 de novembro do 2017, na sede da asociación ou por correo electrónico a info@ajeferrolterra.org. O acto de entrega de recoñecementos será nunha gala prevista para o venres 24 de novembro ás 19:30 h na Fundación Exponav sita en Cantón de Molíns de Ferrol.

PUBLICIDADE