Os usuarios de PS5 por fin poden gardar os seus xogos en unidades externas

martes, 13 de abril do 2021 Marcus Fernández

A PlayStation 5 está a recibir a súa primeira grande actualización, que inclúe numerosas funcións e melloras, sendo a máis importante a posibilidade de almacenar xogos de PlayStation 5 en unidades de disco USB, o que pode ser unha boa solución para facer espazo no almacenamento interno na consola para instalar novos xogos, podendo así recuperar títulos descargados previamente simplemente con volver copialos ao almacenamento interno, ou sexa, sen ter que realizar unha descarga completa, que en moitos casos sería un proceso sumamente lento.
Os xogos de PlayStation 5 almacenados en unidades USB externas non poderán xogarse directamente dende estas unidades, xa que foron deseñados para correr dende a unidade SSD interna da PS5 (que ten unha velocidade que non pode conseguirse por USB) de aí que o uso de unidades externas para xogos de PS5 limítase ao seu almacenamento. Lembremos tamén que está previsto que no verán chegue unha actualización que permitirá ampliar o almacenamento interno da consola mediante unidades M.2.
Entre as novidades que recibe a PlayStation 5 tamén está que agora a función Share Play funcione entre xeracións, ou sexa, que usuarios de PS4 e PS5 poderán compartir xogos mentres chatean nun grupo, de xeito que un usuario de PS4 sería capaz de probar títulos de PS5 na súa consola.
A aplicación para móbiles de PlayStation tamén se renovou para facer máis doado conectarse á consola de xeito remoto, aínda que varias das funcións que teñen preparadas tardarán semanas en poder verse na aplicación, como a posibilidade de unirse a sesións multixogador de PS5 dende o móbil ou xestionar o almacenamento da consola.

PUBLICIDADE